No pleno extraordinario de organización celebrado o pasado 31 de xullo foran paralizadas as catro dedicacións exclusivas propostas polo goberno bipartito de PSOE e BNG polos votos en contra de PP e Por Viveiro. Populares e independentes consideraban excesiva a cantidade tendo a conta a débeda do concello e, ademais, o portavoz de Por Viveiro, Bernardo Fraga, alegaba que non houbera diálogo previo.
No pleno celebrado hoxe, PSOE e BNG finalmente lograron sacar adiante dúas retribucións: unha para a alcaldesa socialista, María Loureiro, por un importe de 43.500 euros; e outra para a primeira tenente de alcaldesa do BNG, Míriam Bermúdez, que percibirá 41.000. Son en total 84.500 euros fronte aos 136.700 da proposta inicial. Desta volta, contaron co voto a favor de Por Viveiro, mentres que o PP abstívose.
A proposta, aprobada nun pleno de urxencia celebrado en plenas festas patronais, inclúe as retribucións propostas inicialmente para Loureiro —que se fará cargo das áreas de Urbanismo e Seguridade cidadá— e Bermúdez —que será a responsable de Obras, Infraestruturas e Mantemento no Medio Rural, Parques e Xardíns, Cemiterio, Mobilidade e Accesibilidade e Medio Ambiente—, e elimina as incialmente propostas para o edil socialista Suso Fernández (31.200 euros), encargado de Economía e Facenda, Mar, Participación Cidadá, Educación e Centros Socioculturais, e a concelleira nacionalista Iria Cotelo (21.000 euros), responsable de Emprego, Promoción Económica e Comercio e Mercados.