O voceiro do PP de Trabada acusa á alcaldesa de levar a cabo «unha campaña de lavado de imaxe»

Jose Maria Fernandez - portavoz PP Trabada
O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, denuncia a campaña de «lavado de imaxe» que está a realizar a alcaldesa do municipio «debido a que sempre está ausente e por iso ten que facer estas xuntanzas coa veciñanza para coñecer as súas necesidades».

José María Fernández pregunta á alcaldesa se «realmente vai atender as peticións dos veciños das parroquias ou van caer en saco roto como todas as súas promesas electorais, das que non cumpriu nin a primeira».


Desde o PP de Trabada explican que «nós si que coñecemos os problemas reais dos veciños». Segundo os populares, as necesidades da veciñanza trabadense son as seguintes: 

  • «Que se arranxen as estradas, sobre todo as provinciais, algo para o que a alcaldesa podería facer presión como deputada do goberno provincial»
  • «Concentracións parcelarias, xa que dende que ela é alcaldesa non se realizou nin unha e todas as existentes son grazas ás xestións do Partido Popular»
  • «Vivendas de protección oficial, xa que nos seus mandatos non se fixo ningunha, sendo esta unha gran reclamación sobre todo entre a xente moza»
  • «Nada se sabe do polígono industrial, polo que Trabada leva anos agardando. Xa había un convenio asinado entre o Concello e a Deputación, pero seguramente a alcaldesa o gardou nun caixón para non volver abrilo máis»


En cambio, indican, a alcaldesa fala de facer un auditorio en Trabada: «non poñemos en dúbida de que sexa unha boa inversión, pero a realidade é que non é o que reclaman os veciños». «Se repasamos todos os seus anos como alcaldesa ninguén pode poñer en dúbida que non trouxo nin un só investimento importante a Trabada», lamentou, «sen esquecer que de todas as peticións que se realizaron publicamente por parte de asociacións veciñais e de comunidades de montes non atendeu ningunha».


José María Fernández esixe «traballo, rigor e seriedade á alcaldesa xa que os veciños queren feitos e ver como se solucionan os seus problemas, xa que os titulares e as fotos nos xornais son cousa dun día, pero non solucionan nada».


O voceiro popular recorda, ademais, que «o deber da alcaldesa é estar no día a día do municipio e dos veciños xa que en lugar de organizar este tipo de xuntanzas debe ser ela a que estea a disposición dos veciños e se poidan achegar a ela para explicarlle os seus problemas e necesidades, pero a realidade é que non poden porque nunca está».


Neste sentido, desde o PP de Trabada lembran que «no noso programa electoral levabamos como un dos compromisos manter xuntanzas veciñais semestrais, mantendo así un contacto estreito con toda a veciñanza para estar sempre ao tanto das necesidades existentes».


Por último, José María Fernández denuncia a actitude da alcaldesa «xa que agora presume de realizar este tipo de xuntanzas pero non di que sempre se negou a ceder locais municipais cando se lle solicitaron dende o Partido Popular para facer reunións cos veciños ou asociacións.

Comentarios