O voceiro popular, José María Fernández, reclama melloras para a zona de xogos infantil: «o mellor exemplo é a tirolina que se instalou hai anos e que a día de hoxe non pasou ningún tipo de mantemento, tendo que solucionar unha avaría que tivo un dos pais dos nenos que alí xogan».
Fernández explica que «nas últimas semanas foron moitas as queixas recibidas polo estado no que se atopa esta zona de xogos, sendo a zona da tirolina perigosa para os pequenos xa que onde está instalada non hai ningún tipo de elemento de protección nin acolchados no chan polo que cando caen, os rapaces baten directamente contra terra e pedras». E recorda que «esta tirolina non recibiu ningún traballo de mantemento, sendo un dos pais dos rapaces que alí xogan o que tivo que reparar un problema que xurdiu nesta infraestrutura para que puidesen seguir xogando».
Ante esta situación, desde o Grupo Municipal do PP de Trabada piden á alcaldesa, Mayra García, «que se preocupe do estado no que está esta zona de xogos e a adapte ás necesidades dos rapaces e que a dote dos elementos de protección necesarios para garantir que poden xogar con total seguridade».