«A presenza na Deputación da alcaldesa non se traduce en grandes investimentos para Trabada»

José María Fernández: «No Concello de Trabada non hai transparencia»

trabada tasas contribución madera
José María Fernández Vázquez (Trabada, 1977) é voceiro popular no Concello de Trabada e, desde o pasado mes de xuño, tamén deputado provincial. Gandeiro de profesión, casado e cun fillo, Vilelo —como é coñecido por todos os veciños— milita no partido desde o ano 2008 e foi candidato á alcaldía en dúas ocasións —2015 e 2019— co obxectivo de recuperar Trabada para os populares, un dos seus feudos na Mariña onde Yanes Ginzo gobernou ininterrompidamente durante 24 anos. Aos seus 46 anos recén cumpridos, José María Fernández non desiste, tampouco no eido deportivo, pois disputará outra tempada máis como xogador do Trabada Futsal.

Que é para vostede o Trabada Futsal? 

Pois estiven desde a súa fundación, desde o primeiro momento. Eramos un grupo de rapaces, todos veciños de Trabada, os que comezamos co primeiro Concello de Trabada FS : Pinín, Seivane, Toni, rapaces do Vilar como Jorge ou Fanego… Moitos deles foron retirándose e algúns puidemos vivir a mellor época do club en Primeira B Nacional. Despois estiven dez anos inactivo e volvín hai dous a xogar. Trabada sempre tivo moita sona polo fútbol sala e había moito nivel. Era un grande escaparate para o municipio. 

Como ve esta nova tempada? 

Con optimismo, a pasada fin de semana disputamos o primeiro partido de liga no grupo 2 da Primeira Autonómica e empatamos (4 a 4) na casa no derbi local contra o CD Cubelas FS. Fomos mellores e non o sentenciamos cando o tiñamos que facer e, ao final, con dous dobres penaltis empatáronnos o partido. 

Ademais de voceiro do grupo popular en Trabada é, desde xuño, deputado provincial. Como está a ser a experiencia? 

Postuleime porque me apetecía, máis que nada, aprender. Estamos nun grupo no que somos 12 deputados, dos cales oito son alcaldes con moitos anos de experiencia nos seus respectivos municipios. A miña finalidade é aprender deles, van ensinarme moitas cousas que eu descoñezo, e estar rodeado destas persoas para min é moi importante porque o meu obxectivo, sen ningunha dúbida, é a alcaldía de Trabada. Actualmente estou a traballar na área de Deportes e tamén na de Rural, que é o que máis me gusta pola miña propia actividade e por vir dun concello eminentemente rural. Mañá mesmo temos unha xuntanza con gandeiros en Castro Ribeiras do Lea e alí estarei eu. 

Son dous os deputados trabadenses, un número moi alto considerando os seus habitantes, debería traducirse esta circunstancia en melloras para o concello? 

Si, somos dous deputados: a alcaldesa, que é deputada polo PSOE, e eu. Ela está no grupo de goberno, leva uns seis anos con dedicación exclusiva no ente provincial e, ademais, como responsable da área de Economía. Neste tema sempre fun crítico porque considero que non se traduce en grandes investimentos para Trabada. Botamos en falta que a Deputación non invista máis no municipio. Pódese comprabar que a Administración que máis investimentos fai e que a que se está implicando máis con Trabada é a Xunta de Galicia. 


Falaba durante a pasada campaña electoral de «falta de transparencia e escurantismo no Concello», segue a pensalo? 

Totalmente, aínda hoxe vou presentar un escrito no Concello para que me deixen acceder ao sistema operativo Gestiona para poder seguir día a día todo o funcionamento do Concello, o Rexistro etc. Non se me facilitaron nin contraseñas, nin claves, nin nada. O Partido Socialista fala moito de transparecia, pero en Trabada non hai ningunha. 

Un dos principais problemas de Tradada, coma o de moitos outros concellos, é o despoboamento…

Sempre defendín que o primeiro que hai que facer para que a xente se quede en Trabada é facilitarlle as cousas. Aquí vivimos do rural e do forestal e unha das accións primordiais sería rematar as concentracións parcelarias, o que lle daría un importante valor ao monte. Falta a concentración parcelaria da parroquia da Vilapena, na que hai un monte comunal, pero o resto está sen concentrar; e tamén a da parroquia de Vidal, que para min é totalmente prioritaria. Tiña un compromiso coa Xunta de Galicia, co conselleiro, para iniciar o proceso das concentracións parcelarias. Outro aspecto é a vivenda social. Estamos vendo estes días que hai varios rapaces que foron vivir a Trabada, a estas persoas debería facilitárselles unha vivenda social. Ademais, agora non fai falta facer un gran número de vivendas de protección oficial, senón que se poden construír segundo as necesidades. Hai que axudar máis ás familias para que aumente a natalidade e tocar a carga fiscal. 

Unha vella aspiración de Trabada foi a construción dun polígono industrial…

Iso leva todo parado desde o ano 2007, cando se compraron os terreos. Había asinado un convenio do Partido Popular, cando aínda presidía a Deputación Cacharro Pardo, polo cal se encargaban de custear todo o polígono industrial. En varias ocasións presentei incluso unha moción no Concello pedindo que se cumplira ese convenio, mais a alcaldesa non está de acordo. É máis, pediu que se cederan eses terreos ao Concello de Trabada. Imos 20 anos tarde, pero nunca é tarde “si la dicha es buena”. Se non hai solo industrial, non imos atraer industria. E en Trabada, para sermos un concello pequeno, a verdade é que temos tres ou catro empresas que son bastantes potentes e temos que darlles facilidades. Creo que se podería levar a cabo co apoio da Xunta e co PP gobernando. 

Comentarios