A alcaldesa de Trabada pídelle á Xunta «axuda para a rehabilitación integral do CEIP Celso Currás»

«É unha demanda da comunidade educativa de Trabada para mellorar a eficiencia enerxética do centro», explica Mayra García Bermúdez.

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, trasladoulle ao conselleiro de Educación da Xunta, Román Rodríguez, «unha demanda da comunidade educativa de Trabada, xa que o inmoble que alberga o CEIP Celso Currás precisa dunha rehabilitación integral que mellore a súa eficiencia enerxética».


Nunha carta dirixida ao conselleiro, a alcaldesa lembra que «como constatamos que no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica non se incluía ningunha mellora no noso centro educativo, dende o Concello de Trabada solicitamos unha axuda á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en marzo deste ano, ao abeiro da Orde do 9 de febreiro de 2023».


Para iso, o Concello contratou a redacción do ‘Proxecto de melloras da eficiencia enerxética no complexo educativo de Trabada’, subscrito en marzo de 2023 polo arquitecto técnico Jesús M. Gallo Vázquez e pola enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, Irene Fernández Prieto, cun orzamento total de 199.920,50 euros.


«Con este proxecto pretendíamos levar a cabo o cambio da cuberta, que ten unha chapa grecada de aceiro galvanizado atornillada sobre placas de fibrocemento con amianto, pero esta axuda foi denegada», engade García Bermúdez.


Ademais, a alcaldesa sostén que «desde o Concello asumimos o mantemento do centro e entre outros, os gastos de subministro de enerxía eléctrica. Tamén ofrecemos ás familias os servizos de Madrugadores e Ludiseráns coa finalidade de aumentar a matrícula, xa que as familias dos últimos alumnos matriculados precisaban destes programas de conciliación laboral e familiar».

«É polo que lle solicito que desde a Consellería que dirixe estuden a posibilidade de poder efectúar a rehabilitación integral deste inmoble, tendo en conta ademáis o estado das carpinterías exteriores e da fachada e do esforzo que facemos desde o Concello para manter servicios públicos de calidade no rural», remata García Bermúdez.

Comentarios