Os locais hostaleiros ribadenses poderán pechar dúas horas máis tarde durantes as festas

Fotografía: Ribadeo Turismo
Os locais hostaleiros asociados a ACISA Ribadeo gozarán dunha ampliación de 2 horas máis sobre o seu horario habitual de licenza, grazas ao permiso tramitado pola patronal ribadense.

Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o xerente, Jesús Pérez, explica que «no día de hoxe vimos de recordarlles aos nosos asociados e asociadas a resolución pola que os hostaleiros membros de ACISA contarán con 2 horas máis de autorización para poder traballar nas principais datas das festas patronais de Ribadeo. Grazas a esta autorización tramitada pola nosa asociación estamos a falar de que durante toda a semana dos festexos, os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 2:30 h a facelo ás 4:30 h, as discotecas e salas de festas das 6 h ás 8 h; e os pubs das 4 ás 6 da madrugada». 


E sinala: «parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo os nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar máis horas durante a celebración das patronais de Ribadeo. Deste xeito os mozos e mozas e os que non o son tanto, poderán desfrutar de mais horas de lecer na nosa hostalaría». 


Jesús Pérez subliña que «desta ampliación horaria pódense beneficiar unicamente os asociados de ACISA Ribadeo, xa que nos encargamos dende a entidade de xestionalo. A Policía Local conta coa listaxe dos establecementos que poden gozar desta ampliación horaria así como con copia da autorización emitida». 


Desde a directiva de ACISA Ribadeo felicitan as festas «a todos os nosos veciños e veciñas, que aproveiten estes días tanto eles como os nosos visitantes para comer, cear e saír a tomar algo na nosa hostalaría, e facer as súas compras no comercio local».