Vergoñenta e lamentable, unha vez máis, a actitude do BNG no pleno do pasado martes. Solicitan a celebración dun pleno extraordinario cando acabamos de ter o pleno ordinario a semana pasada e non fixeron absolutamente ningunha pregunta sobre a poda e o mantemento das árbores.
¿Realmente o interese do BNG é polas árbores… ou o interese real é unicamente político e aproveitan para subirse a un carro que nin eles mesmos saben a onde os conduce? Este goberno fixo o que tiña que facer, como xa o explicou en reiteradas ocasións. No colexio Gregorio Sanz, baixo informes técnicos, podouse o que había que podar e cortouse o que estaba enfermo ou, aínda non estando, representaba algún tipo de perigo ou danaba algunha estrutura. Canta preocupación mostra o BNG de repente por este centro… Non mostraba tanta cando facía falta unha inversión de 1,6 millóns de euros para a súa reforma integral, dedicándose exclusivamente a cobrar a licenza. ¿Onde estaba cando houbo que cambiar o montacargas por un ascensor? Estaban poñendo paus nas rodas para evitar que unha administración investira no centro. As necesidades do alumnado non importaban. Daba máis rédito político o vitimismo.
Agora veñen «preocupándose» das árbores… Demostran máis preocupación que cando eles cortaron todas as que ían en liña co peche perimetral no momento de facer o campo de herba artificial!! Por certo, ¡cortaron todo sen ningún informe técnico!! ¿Poden crelo? E tampouco se replantaron!! Eles, os “defensores” da natureza e das árbores!! Non se nos ocorre pensar que os cortaron simplemente porque ó político de turno lle estorbaban…
E xa que estamos… ¿Onde están os informes da tala indiscriminada no camiño do cemiterio? Tampouco fomos capaces de atopar ningún e, dende logo, á vista está que non foron substituídos…
¿E cos da estrada do faro? Fixeron un carril bici que de verde ten a pintura e arrasaron con cada árbore que atoparon ao seu paso!! ¿Informes técnicos? Pois tampouco!!
¿E recordan as antigas magnolias de San Roque? Aquelas tan bonitas e que tanto adornaban esa rúa? Os que xa temos certa idade si as recordamos… O mesmo que recordamos velas podrecer no aparcadoiro dos camións. Alí podreceron sen ningún tipo de pudor e, que casualidade, sen ningún informe técnico que xustificara a súa morte… Mágoa que non houbera unha Plataforma en Defensa das Árbores que velara pola integridade destes seres vivos…!!
Presumen de ter plantado non sabemos cantas árbores… Non as contamos, pero o que si lles podemos asegurar é que foron plantadas sen criterio, sen ningún tipo de análise e, por suposto, sen ningún tipo de mantemento serio. Cortaban e plantaban segundo lles petaba e podaban cando lles estorbaban as canas.
Esa irresponsabilidade levounos, co paso do tempo, a ter unha morea de árbores enfermas con necesidade de tratamentos, e outras con menos sorte destinadas á tala, como lles vai pasar a unha palmeira do parque e a un castiñeiro de indias, que despois de seren tratados, non se puideron recuperar. Esa irresponsabilidade de facer por facer, sen criterio ningún, levounos a ter unha morea de beirarrúas levantadas por mor da raíz dunha árbore inadecuada para ese lugar e a ter moitas zonas escuras porque unha árbore tapa a luz da farola.
Nós imos seguir actuando con criterio, responsabilidade e baixo informes técnicos. E vostedes, que presumen tanto de ser de Ribadeo e de quererlle tanto, deberían deixar a demagoxia barata, chea de insultos, convertendo as sesións plenarias en auténticas feiras, que o único que fan é retratar, entre outras cousas, a falta de argumentos cribles.
Sexan serios e póñanse a traballar dunha vez por todas. E non se preocupen, que nós tamén somos de Ribadeo e querémoslle tanto ou máis ca vostedes. Xa pensan que teñen a patente do carné de galegos, non vaian caer na arrogancia de pensar que son máis ribadenses ca ninguén.
Ribadeo é unha vila que pide avanzar, e ese é o carro ó que se deberían subir. ¡Alá vostedes e a súa demagoxia!!