Posta en marcha dun plan de limpeza viaria en Ribadeo

photo_camera Pavimento tras a posta en marcha do plan de limpeza en Ribadeo

O Concello de Ribadeo puxo en marcha o plan de limpeza viaria e desbroces. O alcalde, Dani Vega, afirmou que as primeiras actuacións do novo goberno foron xustamente «a activación deste plan de limpeza e desbroce, ademais do plan de elaboración de orzamentos e a actuación coas licitacións que estaban a piques de caducar; xunto co traballo levado a cabo no hospital asilo e cos terreos do futuro novo centro de saúde». 

Así mesmo, sinalou que na vila están «eliminando toda a sucidade que había nas rúas, e no rural comezouse co desbroce de toda a rede viaria, xardíns e áreas recreativas, como poden ser o paseo das Aceas ou os areais». Vega engadiu que “tamén se fixo un baldeo dos contedores e estamos a traballar para dotar dun novo camión e novos contedores á recollida do lixo. En definitiva, solucionando pouco a pouco un problema que tiñamos e que entre todos creo que podemos solucionar”. 

Ademais deste plan de limpeza, tamén botou a andar o plan de conservación do equipamento urbano. Neste sentido, o rexedor ribadense manifestou: «estamos activando un adecentamento da nosa vila, que facía moita falta, e desde o Concello de Ribadeo estamos investindo para solucionar este problema, que moitos veciños nos levaban trasladando hai moito tempo».