«O BNG de Ribadeo quere chamar a atención de todas as veciñas e veciños de Ribadeo para que diferencien entre apelar á vontade e á boa intención que di ter o actual goberno municipal de Ribadeo, e abrir os ollos e ver como están os colectores do lixo e os camiños e pistas das parroquias. Claro que están a facer algo! O caso é ver se é suficiente, sobre todo para o nivel de gasto que están a ter. Ou cren vostedes que os remanentes van durar toda a vida?», indican os nacionalistas, que se amosan críticos coa xestión do novo goberrno municipal: «Gobernar non consiste en estar constantemente mirando cara a atrás e proclamar aos catro ventos que o facemos mellor porque lle poñemos moi boa vontade. Gobernar non consiste en apelar a que, como gañaron as eleccións, o que se di vai á misa, e o que di a oposición non serve para nada. Por certo, o refrán di: “non hai peor cego que o que non quere ver”. E semella que ao goberno municipal do PP lle parece que vai conseguir que non vexamos, nin ulamos, os colectores ao longo destes días de verán. (Que cada veciño e veciña, cando pase á beira dun colector, se fixe se é a hora da recollida ou xa vai boa que pasou o camión do lixo.) Ou que a xente nas parroquias vexa como chegado o día da festa, non desbrozaron na súa parroquia. (Por certo señor, Vega, e a vostede que lle parecía: que por cortar unha vez a maleza xa non volvía a medrar?!)».
Canto ao baldeo, o grupo nacionalista ribadense manifesta que «hai quen comeza a estar preocupado polo feito de que a auga escasea, e a súa actividade profesional (labrega, gandeira ou industrial) se poida ver prexudicada, pero non entende que se siga a baldear a eito. Non hai racionalización do baldeado das rúas, tan só aparencia de que se fai moito. Resulta curioso que Daniel Vega pida esforzos á poboación contendo o gasto da auga e a súa concelleira, Elena Sierra, insista en que se vai seguir baldeando coa mesma intensidade que até agora. Que xulgue a xente se nalgunhas ocasións parece que non era imprescindíbel baldear pero noutras beirarrúas, como en Rosalía de Castro ou na Avenida de Galiza, facía boa falta e non se nota para nada».
Móstranse críticos tamén co uso dos remanentes: «O goberno municipal do PP segue envolto no seu bucle de reafirmarse na súa vitoria electoral e pensar que por iso xa ten toda a razón do mundo. E cre que vai poder dilapidar todos os remanentes ao chou. En anteriores mandatos facíase un uso racional deles. Pero agora dá a impresión de que se está a acabar cos aforros (froito da boa xestión) nunha festa constante de gasto irracional. Levamos dous plenos nos que xa se botou man de case 600.000€ de remanentes. Só dous plenos do señor Vega xa levaron por diante case tanto como o goberno anterior en seis meses. E o que é peor, o destino de ditos remanentes non se ve que xere efectos positivos na nosa calidade de vida, nin na competitividade da nosa economía local. Certa sensación de fartura e de presumir de camiseta nova, si. Pero éche unha sensación ben fugaz!».