Os festexos abriranse ás 23 h do venres, día 8, cun concerto de Roi Casal. O músico de Catoira —exintegrante de Milladoiro— presentará na alameda dos Remeidos o seu espectáculo Ambos mundos, a actual xira do artista que conxuga as súas recentes producións nos Estados Unidos cos seus grandes éxitos.
O sábado 9, pola mañá, terá lugar o espectáculo infantil Contos na Escada, de Alentía Teatro. Ás 13:30 h dará comezo a sesión vermú infantil e a sesión de pasodobres coa Discomóbil Onda Norte. Ás 17 h os máis pequenos poderán gozar dos xogos acuáticos nas piscinas municipais do complexo deportivo Viñas da Veiga. Durante toda a tarde, no marco da XI Xuntanza de Cantos de Taberna-Gaitaescola Mondoñedo, realizarase un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, haberá cantos de taberna polos bares da cidade e, ás 23 h, unha foliada aberta na praza do Concello. Ás 19 h, no auditorio municipal Pascual Veiga, será a quenda dunha nova edición do certame Mamá quero cantar, organizado a través da Escola Municipal de Música. Xa á noite, tamén na alameda dos Remedios, actuación dos Charangos de Neda; do Grupo Beatriz, que segue triunfar alá a onde vai; da Discomóbil Onda Norte e de DJ Peabody.
Domingo: ofrenda diocesana
Sen dúbida, un dos actos centrais destas festas, realizada polos antigos partidos xudiciais da diócese: Mondoñedo, Ferrol, Ortigueira, Ribadeo, Vilalba e Viveiro. A ofrenda á Virxe, instaurada no ano 1938 —coincidindo coa celebración do bicentenario da edificación do santuario dos Remedios—, será presentada este ano polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Antes terá lugar a misa solemne presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. A cerimonia relixiosa será cantada polo Coro Mestre Pacheco. Ás 13h horas sairá a procesión coa imaxe da patroa acompañada pola Banda Acotaga que, ao finalizar, ofrecerá un concerto no adro da igrexa. A mañá rematará cunha sesión vermú. Xa pola tarde, haberá un espectáculo de maxia infantil e verbena a cargo da orquestra Ritmo Joven.
O luns, día 11, e festivo local, celebrarase a misa de cofrades no santuario da Virxe dos Remedios e unha sesión vermú da man da orquestra Tania Veiras.