O Concello reforzará as medidas de control do uso da marca 'Horta de Mondoñedo'

O Concello reforzará o control sobre o uso da marca "Horta de Mondoñedo"

O goberno local pretende evitar o mal uso da marca por parte de produtores non autorizados ou produtos que non procedan do concello de Mondoñedo.

O alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero, presidiu unha reunión xunto ao concelleiro de Comercio, Alberto García, cos produtores autorizados para comercializar os seus produtos hortícolas baixo a marca ‘Horta de Mondoñedo’ para establecer as próximas liñas de traballo.


O goberno local aposta por reforzar o control do uso da marca que garante a procedencia dos produtos para evitar que se produza algún mal uso que poida danar a imaxe dos produtos e produtores autorizados, que cumpren co regulamento da marca.


Igualmente, está a traballar para impulsar novas medidas de promoción para dar a coñecer a marca, impulsada polo Concello co obxectivo de dar valor ás producións e crear postos de traballo. «Queremos seguir impulsando o noso territorio como un lugar de oportunidades, aproveitando os nosos recursos e o noso potencial», apuntan. Neste caso, os produtos da horta «recoñecidos e apreciados polos consumidores, o que constitúe unha vantaxe competitiva», engaden.


O Concello de Mondoñedo, encargado da xestión da marca, continúa a poñer en valor os produtos locais da horta seguindo estratexias de calidade, «unha característica diferenciadora dos produtos da horta do noso municipio que contan con recoñecido prestixio».

Comentarios