Miguel Gallego Saavedra (Samos, 1998) é un defensor do rural, consciente das oportunidades que ofrece e da necesidade de facer fronte ao reto do despoboamento dos pequenos concellos. Dirixe a súa propia explotación de gando vacún despois de estudar Administración e Dirección de Empresas en Lugo e formarse no ámbito agrario, chegando a participar en programas cos que coñecer outras realidades en distintas comunidades de España. Encabezou a candidatura do PP nas pasadas eleccións no seu municipio natal, onde actualmente é portavoz. E dende hai un mes é o presidente provincial da formación político-xuvenil Novas Xeracións.
-Que é para vostede Novas Xeracións?
-Unha oportunidade para facer amizades, compartir impresións e ideas con persoas de idades similares, implicarse no desenvolvemento do noso territorio... Tamén é unidade, compromiso e traballo en equipo.
-Por que deu o paso de presentar candidatura para presidir a formación na provincia?
-Principalmente, por aprender. NNXX permite coñecer outras persoas e tamén nos dá a posibilidade de coñecer a realidade dos concellos da nosa provincia e as súas particularidades de cada un deles.
«A día de hoxe o PSOE non se parece en nada ao que había fai 15 anos» |
-Que valores cre que comparte co Partido Popular?
-Os principios e a ideoloxía. Non comparto a mesma que a dos meus pais. A día de hoxe, o PSOE non se parece en nada ao que había hai 15 anos. Son máis de dereitas e comparto o proxecto do Partido Popular, que da oportunidades á xente nova. Tamén hai que destacar o seu capital humano e as políticas que está a implantar en Galicia o Goberno de Alfonso Rueda.
-Que destacaría do presidente da Xunta?
-O seu carisma, liderado, capacidade de xestión. Creo que o de «Estilo Rueda» é moi atinado. Así o demostra o papel destacado da Xunta de Galicia en ámbitos moi diversos.
-No caso da presidenta do PP de Lugo, que ten destacado a súa valentía por asumir este reto, pero tamén por encabezar a candidatura do Partido Popular ás municipais no seu concello; como definiría a Elena Candia?
-Non hai dúbida de que é unha traballadora incansable. Destacaría o seu traballo continuo, sen renderse; que se suma á súa intelixencia e capacidade de análise e xestión. E, no ámbito da mocidade, queda clara a súa aposta pola xente nova porque lles dá oportunidades.
-Como foi o primeiro mes á fronte de Novas Xeracións da provincia de Lugo?
-Un mes de moita actividade. Moitas chamadas: de persoas interesadas en unirse á formación, de compañeiros, de contacto con alcaldes e portavoces da provincia para barallar propostas para desenvolver actividades, liñas de traballo... Celebramos a primeira reunión do comité executivo, visitamos o Parlamento de Galicia e participamos nunha visita a Monforte de Lemos dentro do programa ‘Coñece Galicia con NNXX’ que organiza a formación a nivel autonómico que preside a nosa compañeira lucense, Nicole Grueira. Todo o equipo está xa en marcha para procurar cumprir os nosos obxectivos.
-Cales son eses obxectivos?
Principalmente, achegar o Partido Popular á xente moza e promover a afiliación para incrementar a base do noso proxecto político. E para iso cremos que temos que facer unha política distinta á tradicional, aproveitando os novos medios e novas formas de relacionarse para achegarse á xente máis nova. Tamén temos previsto colaborar con alcaldes e portavoces na organización de eventos cos que promover o partido entre os mozos e mozas. Participamos en eventos e xuntanzas sociais que nos permiten estar en contacto directo cos mozos e mozas.
-Que apoio tedes previsto ofrecer ás agrupacións locais?
-O impulso das agrupacións locais é outra das nosas liñas de traballo. De feito, xa empezamos a traballar na renovación de Novas Xeracións de Viveiro e Sarria. E proximamente manteremos reunións coas de Monforte, Burela e Trabada, por exemplo.
-Cre que lles interesa a política aos mozos e mozas?
-Está relacionada co noso presente e o noso futuro. É importante dende todos os puntos de vista: para decidir o que pasa no país, na comunidade ou nos concellos…
«A política está relacionada co noso presente e co noso futuro. É importante para decidir o que pasa no noso entorno» |
-Ademais de dirixir esta formación xuvenil, tamén é portavoz do Partido Popular no Concello de Samos. Cal é o obxectivo do seu traballo no seu municipio?
-Nacín e vivín toda a vida en Samos. Gustaríame contribuír ao desenvolvemento do meu concello, ofrecer novas ideas para potenciar o rural e ofrecer os mellores servizos posibles aos meus veciños e veciñas. Samos é un municipio pequeno e rural, coma a maior parte da provincia. Creo no rural e nas súas oportunidades. Hai que traballar para reverter o problema do despoboamento, senón podemos perder os pequenos concellos.
-Para aquelas persoas que sintan curiosidade por unirse ao proxecto, que cre que lles pode aportar NNXX?
Contactos, lazos de amizade e apoio, a posibilidade de traballar polos seus concellos e pola nosa provincia… O alcalde máis novo de Galicia, Ángel Pérez (Guntín), é membro de Novas Xeracións. Tamén permite acoller a xente que chega de fóra aproveitando as políticas do Goberno autonómico que preside Alfonso Rueda coma o programa Retorna.