Rocío López: «A faba é, xunto co noso patrimonio, o selo de identidade da nosa vila»

Entrevista a Rocío López, alcaldesa de Lourenzá
Rocío López García (Lourenzá, 1983) é licenciada en Administración e Dirección de Empresas. Xa no 2011 encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía obtendo 4 concelleiros. Depois de dúas maiorías absolutas, 2015 e 2019, este ano volveu ser elixida alcaldesa de Lourenzá. 

É alcaldesa desde o 2015, que valoración fai de todos estes anos como rexedora? 


É unha experiencia moi positiva na que disfruto día a día co meu traballo como rexedora. Gustame estar coa xente, escoitar os seus problemas e as necesidades que teñen e, na medida do posible, poder darlles solución. Sentir o agradecemento da xente é o máis gratificante para un alcalde. Foron 8 anos intensos, nos que demos prioridade á mellora das infraestucturas e dos servicios.  O investimento na mellora de estradas foi a maior da historia ao longo de todos estes anos. Conseguimos ter un campo de herba artificial, un local multiusos, levar internet a todas as parroquias, construir depósitos para incendios.....e todo un longo etcétera de cousas que nos permitiron mellorar a calidade de vida e facer que o rural sexa un lugar atractivo para vivir.

Que proxectos ten para o futuro de Lourenzá? 


Temos moitos proxectos en mente pero sen lugar a dúbidas un dos prioritarios é buscar unha solución ao deterioro do Mosteiro de San Salvador. Estamos traballando conxuntamente con outros organismos na busca de posibles vías de financiamento que permitan levar a cabo a súa rehabilitación. Tamén seguiremos traballando na mellora dos servizos públicos tanto no casco urbano como nas parroquias. A instalación de novos puntos de alumeado público e a ampliación da rede de saneamento serán outra das prioridades desta lexislatura. 

Unha das principais problemáticas de Lourenzá é o avellentamento da poboación. Que iniciativas se levaron a cabo para fixala? 


O envellecemento da poboación é un problema conxunto que temos todos os concellos do rural. Nese sentido, debemos estudar e aplicar medidas que fomenten a natalidade e que axuden as familias a conciliar a vida familiar coa laboral. Este ano puxemos en marcha, en colaboración coa Anpa o servicio de madrugadores no colexio e tamén, como en anos anteriores, tivemos un campamento nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Ambos son dous servizos moi necesarios, que tiveron moi boa acollida entre as familias e que facilitan a conciliación e, dun xeito indirecto, fomentan tamén a natalidade.
 

Que balance fai do verán laurentino a nivel turístico ? 


Foi un verán repleto de xente, dos mellores dos últimos anos. Foron moitos os visitantes que se achegaron a Lourenzá a gozar do noso patrimonio e da nosa gastronomía. Ademáis, somos principio e final de etapa do Camiño Norte e iso nótase, xa que a presenza de peregrinos aumenta cada ano. A todo isto hai que sumarlle outro factor: o norte estivo de moda este verán e a xente viña escapando da calor e buscando novas experiencias. 

En outubro chega unha cita moi importante para o concello como é a Festa da Faba. Ademais, este ano co Faba Fest…


A Festa da Faba é un dos eventos máis importantes para Lourenzá. Cada ano son máis os visitantes que se achegan para desfrutar desta cita gastronómica. Desde hai uns anos contamos coa presenza dun tren turístico que fai un percorrido polo val de Lourenzá e nel o visitante pode ver as terras nas que se cultiva a faba. É unha experiencia única. Ademais, a faba é xunto co noso patrimonio o selo de identidade da nosa vila. Este ano contamos con novidades na programación, entre elas o Faba Fest, un concerto para a xuventude do grupo Beatriz que terá lugar o venres. Pero un dos momentos máis emotivos da festa terá lugar o sábado co concerto do artista local Jonydasvie. Conozco a Jonathan desde pequeno, é todo un exemplo de esforzo e superación, estou segura que o vai a facer moi ben.

Que importancia tivo o ano Francisco Fernández del Riego para o municipio?


Está sendo un ano moi importante e moi intenso en actividades culturais. Lourenzá foi o epicentro e a capitalidade da cultura no día das Letras Galegas e iso deunos moita proxección e situounos ainda máis no mapa. A estas alturas do ano xa a ninguén se lle escapa que Del Riego era de Lourenzá, todo o mundo o sabe. Foron moitas as xentes que se acercaron a Lourenzá a participar nas distintas actividades que impulsamos desde a Mesa Coordinadora Don Paco e tamén moitos os que viñeron o dia 17 de maio a Lourenzá. Como non podía ser doutro xeito, Del Riego será o pregoeiro desta XXXI edición da Festa da Faba. O actor Xulio Leal será o encargado de poñer voz ao pregón que Don Paco deu na Festa da Faba do ano 1998. Don Paco tiña que ser o protagonista da Faba este ano.

Comentarios