Para o PP de Lourenzá «agora no verán esta situación apréciase, especialmente, na falta de limpeza das rúas e colectores do lixo, nos elementos en mal estado das instalacións da piscina municipal ou nas pistas que están aínda sen rozar, a pesar de que xa estamos a mediados de agosto».
Os populares lamentan «a imaxe de descoido total que proxecta o municipio poñendo como exemplo o mal olor que desprenden os colectores do lixo porque non se limpan, igual que as rúas e beirarrúas que, en moitos casos, acumulan sucidade e maleza que constitúen un perigo para as persoas que pasan por elas».
Igualmente, explican que «foron xa varios os usuarios e usuarias da piscina que nos trasladaron as súas queixas polo mal estado das instalacións e dos seus vestiarios con elementos rotos ou oxidados». Desde o Grupo Municipal Popular consideran que «o lóxico antes de poñer en marcha calquera instalación municipal é comprobar o seu estado e facer as reparacións que sexan precisas para garantir a seguridade das persoas que as vaian utilizar» e fan fincapé en que, no caso da piscina municipal, «hai que ter en conta que a maioría dos seus usuarios son nenos e nenas».
Os populares advirten tamén da necesidade de rozar as pistas municipais como medida de prevención ante posibles incendios: «as pistas que comunican con zonas forestais atópanse neste momento, a mediados de agosto, sen limpar acumulando maleza que dificulta e, incluso, impide circular aos vehículos por elas». «Gustaríanos que as pistas e os camiños estivesen limpos de vexetación, pero non é así, e agora non se pode realizar para evitar incendios forestais. A realidade é que o concello tiña un plan de roza de pistas e camiños que non se cumpriu», denuncian.