O PP de Lourenzá critica «a desgana do goberno local»

O Grupo Municipal Popular de Lourenzá advirte da «desgana do goberno local socialista, tal e como demostraron os seus membros no pleno celebrado esta semana ao confirmar que non solicitaron axudas nin para o desenvolvemento dun obradoiro de emprego nin para a organización do campamento de verán».

Os populares «non entenden que o goberno socialista rexeite un obradoiro para formar aos veciños no paro para mellorar a posibilidade e atopar un emprego ao mesmo tempo que lles proporciona un posto de traballo por uns meses —e todo pagado pola Xunta—. De feito, consideran unha aberración que o goberno local se escuse dicindo que non hai xente interesada, a pesar de ser coñecedores de importante número de persoas en situación de desemprego que rexistra o noso municipio. Para eles non é o suficientemente importante». 


Igualmente, desde o PP lamentan que «o equipo de goberno non solicitase a subvención para o campamento de verán escusándose en que requiría moitos trámites e era moi difícil de xustificar, o que demostra poucas ganas de traballar, algo que non se debe tolerar de ningún representante público. Tamén inciden na improvisación por parte do goberno socialista que recoñeceu que non sabe de que partida orzamentaria concreta retirarán o diñeiro para pagar este servizo».

Así, desde o Grupo Municipal Popular consideran que «Lourenzá merece un goberno responsable, que xestione debidamente as cuestións do día a día do Concello e que tamén atenda ás cuestións administrativas para tratar de captar axudas das que se poidan beneficiar os veciños e veciñas».


Nese sentido, condenan que «o goberno local socialista desenvolva unha política de brazos caídos, a de facer o mínimo como queda demostrado coa perda dunha brigada forestal contra incendios pola súa falta de traballo e previsión. Outro exemplo constitúeno os contedores soterrados da rúa Montero Villegas sen funcionar durante moito tempo no que foron substituídos por outros móbiles que ao estar sucios ofrecen unha mala imaxe aos veciños e visitantes, especialmente aos peregrinos do Camiño Norte».


Ademais da sucidade nos contedores, os populares reclamaron no pleno «unha maior limpeza das rúas e beirarrúas propoñendo o desenvolvemento dun plan de limpeza periódico, pero o goberno local aproveitou a situación de escaseza de auga para poñela como escusa cando todos os veciños e veciñas sabemos que non se limpan desede hai anos».

Plenos en directo 


Desde o Grupo Municipal Popular tamén reivindicaron a emisión dos plenos en directo, como fan outros Concellos, para os veciños e veciñas que queiran seguilo. Pero, «os socialistas aseguran que non é necesario», conclúen os populares.