Máis de 150 coches e 80 motos na VespaFaba & Clásicos Lourenzá desta fin de semana

Alta participación no VespaFaba & Clásicos Lourenzá
A novena edición da VespaFaba & Clásicos Lourenzá celebrarase esta fin de semana, sábado 30 de setembro e domingo 1 de outubro, durante a Festa da Faba. O evento foi presentado no día de onte por unha representación dos organizadores —a asociación VespaFaba & Clásicos Lourenzá— e a alcaldesa laurentina, Rocío López García.

A primeira xornada estará dedicada a scooters e motos clásicas. A partir das 10 h farase a recepción e exposición na rúa Fernández del Riego; ás 11:30 h haberá xincana e probas de habilidade; ás 13:30 h comezará a ruta e ás 15 h, no Bar Pitero, terá lugar un xantar con entrega de premios e sorteos.


E o domingo os protagonistas do evento serán os coches clásicos. A partir das 10 h farase a recepción e exposición na rúa Fernández del Riego; ás 13:30 h sairá a ruta dos vehículos e a partir das 14:30 h haberá un xantar no hotel A Casa da Luz, de Bretoña, de onde está previsto que regresen ás 16:30 h cara a Lourenzá, onde rematarán as actividades cunha entrega de premios e sorteos.


A asociación organizadora destaca que se inscribiron moitos máis participantes que en anos anteriores: máis de 150 coches para a xornada do domingo e unhas 80 motos para o sábado. «Estamos desbordados porque non temos máis aforo no restaurante para a comida do domingo e sentimos non poder inscribir a máis participantes, polo que pedimos desculpas aos que tivemos que deixar fóra», explica o vicepresidente do colectivo, Antonio Irimia, quen considera que «hai moitos interesados en vir porque o ano pasado os asistentes quedaron moi contentos».

Comentarios