Lourenzá celebrará a súa III Feira do Cabalo

PRESENTACIÓN III FEIRA DO CABALO EN LOURENZÁ
A terceira edición da Feira do Cabalo en Lourenzá, que terá lugar o domingo 29 outubro desde as oito e media da mañá, foi presentada pola alcaldesa, Rocío López, e por representantes da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) e do colectivo Cabaleiros de Lourenzá, creado recentemente.

A rexedora municipal comentou que «é unha boa iniciativa, que cada ano ten mellor aceptación e acollida. A participación de exemplares cada edición é maior e tamén asiste máis xente á feira. Este ano, ademais dos concursos que viñeron celebrándose nas anteriores edicións, tamén haberá presenza doutras especies de animais na feira. Agardamos que vaia consolidándose como un referente nas feiras dedicadas aos cabalos de pura raza galega e que sirva para seguir mantendo viva e presente esta raza de equinos».


O presidente da asociación Cabaleiros de Lourenzá, Diego Terrón, destacou que nesta edición da feira «haberá novidades como a compra venda de animais e, ademais de cabalos, teremos vacas, ovellas, cabras e porcos. Esperamos que veñan bastantes exemplares, polo que nos comentaron os gandeiros cos que falamos». Tamén comentou: «ofreceranse paseos a cabalo gratis, haberá unha exhibición de diferentes razas que realizan o paso de andadura e instalaremos unha exposición de fotos antigas sobre como eran as feiras e unha mostra de aparellos tradicionais, como monturas, entre outras actividades».