Roi Fernández, organizador do Vendaval Fest: «Estamos a deseñar o festival ao que nos gustaría ir a nós»

Cartel do Vendaval Fest
O festival encherá de rock as rúas de Ribadeo o 22 de xuño coa actuación, entre outros grupos, de Heredeiros da Crus.

O verán ribadense promete vir cargado de concertos e música grazas aos dous novos festivais que debutarán na vila: o Xara Fest, de hip-hop; e o Vendaval Fest, de rock. Tres dos organizadores deste último —Roi Fernández Sordo (Ribadeo, 1985), Noemí Fernández Otero (Foz, 1993) e Arturo Iglesias Pulpeiro (Ribadeo, 1987)— confesan que levan traballando desde outubro do ano pasado para que esta primeira edición sexa un éxito. Mais admiten que “todo é máis doado cando todos os membros somos amigos”.

Heredeiros da Crus é unha banda moi esperada nesta zona e que marcou a toda unha xeración

Intentan, deste xeito, revitalizar a escena rock ribadense, que tan vizosa chegou a ser hai uns anos. Pretenden crear unha marca sólida que se asocie coa vila e teñen moi presentes locais xa míticos como o Mini Bar, bandas como Beetle Judge, Voodow Crow ou Mallory, ou festivais dos que se din debedores: o Musikeo, o R que R ou o SonRock. Afirman ter aprendido moito de todos eles e é por iso que queren recuperar tamén a “Expo Rock Ribadeo”, unha viaxe pola historia do rock da vila desde os anos 60 ata a actualidade. 

O Vendaval, con entrada de balde, abrirá as súas portas ás 19 horas do próximo 22 de xullo na súa localización principal, o aparcadoiro de camións, próximo ao I.E.S. de Ribadeo. Pero tamén estará presente noutros puntos da vila, pois o que desexan é que toda a veciñanza sexa partícipe. Deste modo, xa ás 12:30 h a Duendeneta — unha singular e vintage discoteca móbil— fará a súa primeira parada no Cantón, onde tamén se poderá visitar unha exposición artística do colectivo As Vacas Fracas. Posteriormente, a furgoneta dirixirase cara á zona vella, onde se poderá seguir gozando da sesión vermú ao ritmo da súa música. 

Non o dicimos nós, o propio batería de Guns n’ Roses dixo de Gansos Rosas que eran o seu tributo máis fidedigno

Aseguran estar entusiasmados por contar cos Heredeiros da Crus nesta primeira edición. Ademais “é unha banda moi esperada nesta zona e que marcou a toda unha xeración”, comenta Arturo. Os de Ribeira volven aos escenarios despois de ter cancelado o pasado ano a súa xira do 30 aniversario debido ao accidente cerebrovascular sufrido por un dos seus integrantes, Javi Maneiro. 

 

Canto ao resto do cartel, destaca Gansos Rosas, grupo que pechará o festival. “Non o dicimos nós, o propio batería de Guns n’ Roses dixo deles que eran o seu tributo máis fidedigno”, salienta Noemí. Os asturianos La Tarrancha, banda recoñecida nos premios AMAS como mellor directo, porán a bailar aos asistentes coa súa fusión de rock, folk e ska con toques balcánicos. Completan o cartel Beetle Judge —banda local onde toca outro dos organizadores, Jorge Fernández— e Ritmo Vudú, coa súa actitude punk e as súas letras sarcásticas e divertidas.

 

Subiñan tamén que será a primeira vez que un festival en Ribadeo conte cunha verdadeira zona de acampada. Estará situada preto da estación de autobuses e terá unha capacidade de aproximadamente 120 prazas tanto para caravanas como para tendas, algunhas das cales xa están reservadas. Ademais, no mesmo recinto do festival haberá foodtrucks con comida asiática ou italiana e unha barra, onde o público poderá pagar coa moeda propia do festival. 

 

Os organizadores amósanse moi agradecidos cos diversos establecementos que colaboran con eles como é o caso do bar Cienfuegos e da tenda ecolóxica O Ferrado Marelo, puntos de venda do seu merchandising. Productos estes que tamén están deseñados por creadores locais como Viva la Pepa. 

 

Pero o espectáculo non remata a noite do sábado, xa que ao día seguinte haberá unha nova sesión vermú na Praza de Abastos que será o verdadeiro punto final dun festival que vén para ficar.