O Osa do Mar, que este ano chega á súa novena edición, converteuse nun clásico dentro dos festivais de música independente. Tal e como indican na web oficial do festival, son “unha especie de Galia que resiste os diferentes envites romanos”. O detonante para a súa creación foi unha viaxe a outro festival, neste caso en Portugal: o Paredes de Coura. Segundo afirma Diego Campo, un dos seus organizadores: «Tiñamos un local onde poñiamos música alternativa e como a festa en Burela ía esmorecendo, comezamos a darlle voltas á idea dun festival».
Para poder levalo a cabo, montaron a Asociación Cultural Fanto Fantini en referencia ao homónimo personaxe cunqueiriano, un condottiero experto en fugas, un heroe capaz de fuxir do acoso mortal da Historia durante o Quattrocento italiano. O nome do propio festival é tamén un xogo de palabras coa ubicación do recinto nas súas primeiras edicións: A Marosa. Unha sorte de anagrama do que podería estar ben orgulloso un dos participantes deste 2023, Ángel Stanich.
Polos escenarios de Burela pasaron artistas e bandas que no seu momento eran emerxentes mais que na actualidade son moi coñecidos: C. Tangana, Cala Vento, Triángulo de Amor Bizarro ou León Benavente. «Ás veces apostamos por xente máis consolidada, como por ser o caso de Xoel López, pero estamos moi orgullosos de manter vivo o espírito do festival», sostén Campo.
No cartel deste ano pódese observar unha aposta pola música tradicional galega con artistas como Fillas de Cassandra ou Caamaño&Ameixeiras. «Era unha débeda pendente, pero de todos os xeitos este ano o festival recuperará o seu eclecticismo», subliña Diego. Esa diversidade e mestura de estilos reafírmase ao botar un ollo ao resto de nomes desta edición: Xoel López, Bala & Lúa Mosquetera, Carlangas, Eme DJ, La Paloma, Sexy Zebras e Shego. Unha presenza da música galega no Osa do Mar que nunca foi algo forzado, pois a propia dinámica do festival foi levando por ese camiño aos seus organizadores.
A localización principal será de novo a Praza do Concello e as entradas están á venda na súa páxina web. Outra orixinal ubicación será o barco museo boniteiro “Reina del Carmen”, onde os concertos serán de balde e abertos ao público. «O feito de termos mudado a Marosa polo centro e a participación de músicos de gran traxectoria fai que a xente da vila se implique máis. Noutros anos, aproximadamente o 50% dos espectadores eran de fóra de Burela», sinala Diego Campo. Ademais, entre as novidades deste ano destacan a gravación en directo do podcast “Escenario Principal”, a participación dos escolares de Burela ou un roteiro a través da talasonimia do concello.