Foz organiza este mércores o festival "Coa nosa fala"

Este mércores, día 12, a partir das 22 h, terá lugar en Foz o festival Coa nosa fala, organizado polo Concello e no que actuarán o grupo Abril e Catuxa Salom.

Para Inés López Couto, concelleira de Cultura, «a nosa fala é a lingua, pero tamén a música». O festival, creado por Arcadio Mon, procura a exaltación da música galega e en galego. «Nesta edición ademais a nosa fala é feminina, e en todos os sentidos, xa que as artistas que nos deleitarán son mulleres que representan a xuventude e a forza», puntualizou López Couto. 

 

O festival Coa nosa fala, que abre a programación das Festas do Carme, «quere ser un escaparate para grupos locais e emerxentes e tamén unha reivindicación de que temos moi cerca profesionais de gran talento», sinalou a concelleira. 

 

Canto aos artistas, Abril é unha formación de música folk formada por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica. As distintas influencias musicais do trío vigués conflúen no seu repertorio, que inclúe melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados. Pola súa banda, Catuxa Salom fusiona folclore galego, ritmos latinoamericanos e electrónica. As súas cancións son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces, un convite a conectar co noso pasado. A artista galega de raíces nativo-arxentinas, finalista dos Premios Martin Códax na categoría de músicas do mundo e mestizaxe este ano 2022, está consolidada como unha das novas referencias do panorama electrofolk en Galicia.