Patricia Otero Rodríguez (Monforte de Lemos, 1979) é a número 2 do PSOE ao Congreso por Lugo. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e nesta última lexislatura foi voceira de pesca do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia. Tamén foi concelleira de Servizos Sociais e 2ª tenente de alcalde en Burela. En xullo de 2019 foi elixida nova secretaria provincial do PSdeG-PSOE de Lugo.
Agardaba o adianto electoral do presidente Sánchez? Cre que foi unha boa decisión?
A verdade é que non, pero creo que foi unha boa decisión do presidente do Goberno para que a cidadanía poida decidir e marcar o rumbo que queira para os vindeiros catro anos. O próximo 23 de xullo decidimos se seguimos avanzando en conquistas e en dereitos sociais ou se queremos retroceder a unha época bastante escura.
Que iniciativas se desenvolveron durante esta lexislatura na provincia e, concretamente, na comarca da Mariña, por parte do Goberno central?
Independentemente das iniciativas de carácter máis global como foron a subida das pensións ou a subida do Salario Mínimo Interprofesional, na Mariña o goberno de Pedro Sánchez estivo sempre presente desde o primeiro momento. Os que vivimos na Mariña sabiamos a espada de Damocles que tiñamos nas costas con Alcoa, pois non era algo, como dicía o Partido Popular, que chegara en xuño de 2018 cando Pedro Sánchez accedeu á presidencia. Os que somos da comarca sabemos que levabamos moitos anos con esas ameazas de peche por parte de Alcoa. Os socialistas sempre manifestamos que o prezo da enerxía era só unha escusa para deslocalizar a produción de alumnio primario a outros países incluso con menos custe para a propia factoría. O propio presidente Sánchez e a ministra Reyes Maroto foron sensibles con ese problema. Nós o que queremos é que se manteñan eses postos de traballo que son importantísimos para a Mariña e para o conxunto da provincia de Lugo. Non só son os postos directos, senón todos os indirectos que xiran arredor de Alcoa. Outros partidos políticos falaron de varias alternativas, como a intervención pública, pero nós fomos o único partido que respectamos a decisión, dolorosa, dos traballadores, que tiveron que asinar o compromiso de parar as cubas durante dous anos. O Partido Popular e o actual candidato ao Congreso, Conde, cando ocupaba un posto de conselleiro na Xunta, estiveron sempre torpedeando e embarrando a situación. Pois a pesar do PP, a pesar da Xunta de Galicia, Alcoa non está pechada e hai un compromiso por todas as partes de volver a poñer en funcionamento esas cubas. Creo que co devir dos meses, dos anos, ao PP electoralmente o que lle interesaba era que Alcoa pechara. Estivemos a ver como outras empresas que era competencia da Xunta de Galicia, como por exemplo o caso de Vestas, están pechadas.
Ten experiencia como concelleira en Burela, como secretaria dos socialistas lucenses e como deputada no Parlamento galego. Que pode achegar no Congreso dos Deputados?
No eido municipal é verdade que tés máis proximidade cos veciños e coas veciñas, ademais nun sitio como Burela onde todos nos coñecemos. En Madrid vou facer, así o dicimos, lucensismo. Tratar de transmitir todas as necesidades que ten a nosa provincia e tentar que a voz de Lugo e da Mariña se escoite no Congreso para poder mellorar a vida dos cidadáns.
Que proxectos son os prioritarios para vostede na Mariña?
Como dicía antes, reiterar esa mensaxe do compromiso por todas as partes de que a factoría de Alcoa volva a estar operativa ao 100%. É moi importante para a nosa comarca e máis tras a traición da propia Xunta de Galicia á Mariña co tema de Altri. Nós chegamos a asinar compromisos para que se instalara na Mariña, en calquera concello, pois temos todos os recursos precisos. Era algo necesario porque non é só o caso de Vestas, é un goteo constante de empresas pechadas nestes últimos anos. Precisamos tamén uns bos servizos públicos e de calidade. E tamén, que é unha débeda pendente por parte de todas as administracións, as infraestruturas. Necesitamos esa A-74, que si que é competencia do Goberno estatal, pero tamén que se impulse a VAP Costa Norte que une as provincias de Lugo de da Coruña.
O segundo escano en Lugo para o PSOE semella non estar asegurado. Como o ve?
Eu creo que imos manter ese segundo deputado por Lugo porque a cidadanía vai ver que o voto útil nestas eleccións é para o Partido Socialista se queremos parar ao PP e o avance da ultradeireita.
Unha mensaxe para os electores…
Foron uns últimos catro anos complicadísimos cunha pandemia a nivel mundial, coa guerra en Ucraína. Con todo en contra, o Goberno central foi capaz de sacar adiante moitas medidas como a suba das pensións conforme ao IPC ou a subida do SMI. Ou determinadas leis que fan avanzar ao noso país, como a da eutanasia, que estará en risco se a dereita chega ao poder. Á hora de depositar o voto na urna, que pensen en todo o que se fixo nestes catro anos.