Daniel Castro, BNG: «Podemos facer historia conseguindo o primeiro deputado nacionalista no Congreso pola provincia de Lugo»

Daniel Castro García (Ribadeo, 1996) é o cabeza de lista do BNG por Lugo ao Congreso. Graduado pola Universidade de Vigo en Linguas Estranxeiras, milita desde os 19 anos no nacionalismo. É membro da dirección nacional de Galiza Nova, forma parte do Consello Comarcal do BNG da Mariña e do Consello Nacional do BNG. No 2020 converteuse no deputado máis novo da historia do Parlamento de Galicia.

 

No 2020 converteuse no deputado máis novo da historia do Parlamento galego. Sabe se, de resultar elixido, tamén o será do Congreso? 

 

A verdade é que non, a nivel galego sei que si. A nivel estatal non sei todos os posibles candidatos de todas as circunscricións. Sei que a deputada máis nova nesta lexislatura foi Marta Rosique de ERC que ten a mesma idade ca min, 27 anos. É probable, xa que a a nivel estatal os partidos non adoitan confiar en xente moza e menos para seren candidatos ao Congreso. 

 

Está preparado para un novo salto? Que pode achegar Daniel Castro no Congreso? 

 

Si. Ao final o medo quítaseche ben rápido. Temos a idea de que o Parlamento é algo moi grande e importante, que por suposto que o é, e debería selo máis. Pero ao principio imaxínaste que se van rir de ti ao verte tan novo, mais en absoluto. O medo duroume dúas comisións. Irei con moita ilusión e ganas, sabendo que podería facer un moi bo papel, porque son consciente de que os debates ben traballados, gáñanse. O certo é que hai moito paternalismo e eu sufrino, mais durou ben pouco, chega con responder ben dúas veces. 

 

O que podo levar ao Congreso é a voz dos problemas de toda a provincia, e estamos a falar de problemas moi sinxelos e asumibles. Cando falamos da provincia de Lugo, desde o BNG estamos sempre a solicitar infraestruturas: o tren, a A-74, A-54, a A6, o FEVE, ou por exemplo, un Xulgado de Violencia de Xénero para Lugo. Cousas que estaban previstas, pero van pasando os anos e non se realizan. Acórdome que cando se prometeu a A-74 para A Mariña tiña eu 5 anos e aínda non se fixo o primeiro quilómetro, despois de varios millóns de euros en proxectos. E isto foi con catro gobernos de dúas cores diferentes. Tamén están os problemas da mocidade, sobre todo co relacionado coa Lei de Vivenda, hai que forzar ao Goberno para que cumpra. Pois ao final a este goberno progresista obrígaselle a facer. O que precisamos é unha Lei de Vivenda que contemple e regule os pisos turísticos, pois vemos como seguen a subir os alugueiros que é, quizais, o principal problema dos mozos menores de 35 anos. 

 

Falando de infraestruturas, considera que a de Lugo é unha das provincias máis esquecidas neste sentido?

 

Si, non o di só o BNG, dino todos os informes. A nivel de conexións somos, xunto con Ourense, das provincias máis olvidadas de todo o Estado. Só hai que ver que temos un tren do século XIX como é o FEVE na Mariña. A capital da provincia segue sen estar conectada coa capital galega. A modo de anécdota, tárdase máis en ir de Lugo á Coruña, que son 90 km; que en ir de Ourense a Madrid, que son 500. Outro exemplo sería a A6 na que, máis alá do seu terrible estado, hai case un ano que caeu un viaduto e segue sen poñerse a primeira pedra. Preguntámonos que ocorrería se ese mesmo viaduto caese á entrada de Madrid e non se repuxera. O mesmo acontece co “socavón” da Areoura en Burela. En resumo, desde que existe a democracia houbo 66 deputados e deputadas por Lugo, todos de forzas estatais, e non é unha casualidade que sexa unha das provincias máis esquecidas de todo o Estado. 

 

Precisamente as enquisas din que o BNG pode conseguir ese deputado en Lugo. Como o ve? 

 

Vémolo con moita ilusión e queremos facerlle ver á xente que o voto útil en Lugo é o do Bloque Nacionalista Galego. Nestas eleccións xogámonos moito porque a día de hoxe este país aínda se xoga moito en Madrid, gústenos máis ou gústenos menos. As enquisas, por exemplo a do CIS, que non acostuma a ser moi benevolente con nós, estanos a dar 0 ou 1 deputados. Por iso dicimos que o voto útil en Lugo é o BNG porque é poñer por primeira vez un deputado nacionalista no Congreso para que defenda a esta provincia; e aínda por riba, quitarlle un deputado ao PP, que é o PP máis radicalizado da súa historia. 

 

Desde o PSOE apelan a que o único voto útil é o voto ao PSOE…

 

Ao final o que se viu é que votar tanto PSOE como PP na provincia de Lugo levou a que levemos décadas agardando polas infraestruturas que comentaba antes. E xa observamos o que fixeron con Alcoa, cando todos os acordos tanto en concellos, como na Deputación, como no Parlamento galego e como no Congreso, ían encamiñados a unha intervención pública temporal; ao final o Partido Socialista decidiu non facer caso ao que dicían todas as institucións. Vendo estas semanas os programas electorais, nunha simple procura na rede, podemos comprobar que nas 108 páxinas do do Partido Popular non saía Galiza nin unha soa vez. Outro tanto acontece co do PSOE, onde aparecía un único resultado. Isto non vai ao peso, mais se nin mencionan o país como para crer que van ter en conta Galiza á hora de gobernar. 

 

Que proxectos son prioritarios para vostede na Mariña? 

 

Levamos pedido moitas veces, tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados, o Plan Industrial para A Mariña. É dicir, que o Goberno galego e o estatal se dean da man para atraer industria para a comarca. Pero isto vai da man das infraestruturas, sen elas as empresas non se instalan aquí. Consideramos vital algo que sempre levamos ao Congreso e que todas as forzas estatais votan en contra, que é a liberalización do dique norte de Alcoa. Temos o porto de maior calado da provincia aquí ao lado, en San Cibrao, un dique inutilizado que daría saída a todos os nosos produtos e potencias como son o sector madeireiro ou todas as empresas que se instalaron arredor de Alcoa. Falamos deste Plan porque sabemos que é posible, serviu para Ferrol, para o que Xunta e Estado se puxeron de acordo. Ao final non podemos vivir só dunha grande empresa, aínda que, por suposto, o BNG vai seguir defendendo o mantemento dos postos de traballo de Alcoa e das auxiliares, mais necesitamos diversificar a nosa industria. Non podemos vivir só do turismo. Dicímolo sempre, a comarca teno todo, temos sector agroforestal, temos sector gandeiro e temos un importante sector pesqueiro e non pode ser que todo isto siga a morrer e que non se vexa A Mariña como un lugar para vivir. En dez anos pérderonse case unha decena de empresas, mil postos de empreso industrial nos últimos 14 anos, casualmente desde que chegou o PP á Xunta. O que non pode ser é que os nosos montes estean inzados de eólicos e pechen empresas como Vestas, na cal se fabricaban aeroxeradores, deixando a 114 persoas na rúa.

 

Poderiamos falar aquí do caso de Altri…

 

O caso de Altri é un pouco paradigmático e aínda hai que saber se definitivamente chega. Nós sabiamos que ese proxecto tiña moitas aristas e que había que facerlle un seguimento. O PP prometeu no seu momento que viña para A Mariña e non foi así. O proxecto de Altri semella ser o novo PEMEX do Partido Popular. 

 

Unha mensaxe para os electores...

 

Que voten con ilusión, que voten con forza, que voten sabendo o partido que mellor os vai defender. E quen máis os vai defender é a forza que se dedica únicamente a falar dos problemas deste país, que é o BNG. Estamos a vivir o noso mellor momento e podemos facer historia conseguindo o primeiro deputado nacionalista no Congreso pola provincia de Lugo. É posible, non o dicimos nós, tamén o di o CIS de Tezanos, que xa é moito dicir. Estamos a facer campaña para acadar ese resultado histórico e para pasar de un deputado a dous, a tres, a catro ou a cinco.