Clausurada unha nova edición do programa Cervo Concilia
O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do programa Cervo Concilia, que se desenvolveu ao longo do verán e ata o inicio deste novo curso escolar, no que participaron preto de 150 pequenos e pequenas.
Unha festa da escuma puxo o ramo a este intenso e divertido verán, no que un ano máis este programa volveu ocupar un lugar moi importante, xa que, tal e como apuntou a rexedora, Dolores García Caramés, «é unha iniciativa xa moi consolidada e que nos identifica a Cervo cada verán coa intención de botarlles unha man ás familias na difícil tarefa de conciliar durante as vacacións escolares».
O programa Cervo Concilia, que é todo un clásico do verán cervense, está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos que puideron desfrutar de actividades ben diferentes como manualidades, teatro, ioga, caic, rutas de sendeirismo, inchables, actividades deportivas…
Neste senso, a rexedora recordou que este programa naceu cun obxectivo fundamental «que é facilitar o día a día dos pais e nais durante esta época tan complicada como é o verán á hora de conciliar, e traballamos para dar cobertura ao 100% das familias cervenses, un obxectivo que este ano volvemos cumprir, xa que conseguimos que todas as crianzas que quixeron participar tiveron acceso a este servizo de conciliación».
Ademais, Caramés quixo ter un especial agradecemento co «marabilloso e profesional equipo humano co que contamos nesta edición», formado por 12 monitores e numerosos voluntarios «entregados e implicados ao cento por cento» durante estes meses nos que realizaron un traballo espectacular cos nenos e nenas «que me consta que desfrutaron, aprenderon e compartiron momentos únicos e inesquecibles entre amigos».