O Concello edita un conto infantil lustrado polo alumnado de Cervo Concilia

Cervo edita un conto infantil ilustrado polo alumnado do programa Cervo Concilia
O Concello de Cervo vén de editar o conto “Cipri” que foi creado durante esta edición do programa Cervo Concilia, dentro das clases de pintura que foron impartidas pola artística plástica, escénica e docente, María Blanca F. Dacal, autora da narración que acompaña as ilustracións dos nenos e nenas de entre 5 e 9 anos.

A rexedora, Dolores García Caramés, compartiu esta mañá o resultado do traballo coas crianzas e os monitores e monitoras do programa que se está a desenvolver coincidindo coas vacacións escolares, e que culminará este mesmo venres.

 
Caramés quixo poñer en valor esta iniciativa «de carácter didáctico e ecoloxista» que contribúe tamén a concienciar aos pequenos sobre a importancia que teñen todos os nosos actos e hábitos do día a día e o seu impacto no medio.


O relato describe a grandes trazos a vida das baleas, as súas longas migracións, e as características que fan únicas a estes grandes cetáceos que participan de maneira activa e natural na redución de CO2, polo que a súa existencia é crucial tamén para frear o cambio climático. O conto xunta esta mensaxe ecoloxista coa relación da vila de San Ciprián coas baleas, xa que esta vila foi no seu día un dos portos baleeiros máis importantes do norte de España.


Tal e como afondou a propia autora, “Cipri” tamén nos fala dunha aventura de verán, «de lendas que nos fan soñar nas noites de verán esperando ver unha estrela fugaz, co mesmo desexo de ver unha balea». 

Caramés quixo felicitar tanto as nenas e nenas como a Blanca por «este proxecto tan bonito», que plasma sobre o papel todo o que supón Cervo Concilia para as crianzas do noso Concello «que comparten verán tras verán momentos inesquecibles entre amigos, que poderán volver recuperar sempre que queiran ao abrir tan só este conto que é a pura esencia do programa: compartir, convivir e crear xuntos».

Editáronse máis de 100 exemplares que serán repartidos entre as crianzas que o crearon.