«En calquera caso, non votamos en contra. De feito, tal e como se pode comprobar na gravación do pleno a propia rexedora explica que non votamos. Nin a favor, nin en contra, nin abstención porque, ao non dispoñer da documentación completa sobre o asunto, non estabamos en disposición de adoptar un posicionamento concreto para que o noso voto fora xusto». Os populares recordan que estaba relacionado coa «regularización dos pagos ás traballadoras que unha sentenza xudicial do ano 2015 dicía que lles tiña que facer o Concello, pero que fixo de forma incorrecta».
Os populares inciden en que «é incrible este comportamento por parte da máxima representante dun Concello, e máis especialmente cando nun primeiro momento aseguraba ter a vontade de tender a man a tódolos grupos». Ademais, consideran que «tanto as declaracións da representante do PSOE como as do representante do BNG criticando ao PP teñen como obxectivo intentar desviar a atención da incapacidade do bipartito para gobernar Burela».
Rigor na documentación administrativa
«Os concelleiros do PP de Burela defenden o rigor na xestión municipal e, polo tanto, considérana imprescindible na documentación administrativa. Dun decreto da alcaldía despréndese que existe un recurso de súplica en relación a unha sentenza sobre este asunto, pero ante a pregunta do Grupo Municipal Popular por esa documentación xa na comisión informativa que se celebra antes do pleno e que estaba presidida pola alcaldesa, díxosenos que non constaban eses documentos. Posteriormente, no propio pleno recoñeceuse que si existían e, polo tanto, non podíamos votar un asunto sobre o que falta información clave: sería inxusto».
Desde o PP condenan que «non é a primeira vez que este equipo de goberno leva expedientes ao pleno sen toda a documentación». «De feito, xa se ten celebrado un pleno extraordinario para abordar un asunto incluído na orde do día dun pleno ordinario pero sen contar co expediente completo que permitise analizar debidamente o tema», engaden.