O Concello de Burela recibiu aos peregrinos do Camiño Gastronómico do Mar 2023, unha iniciativa da asociación Amigos do Camiño do Mar e da Organización de Productores Pesqueros (OPP) do porto de Burela.
A segunda etapa deste camiño, que ten como obxectivo poñer en valor a ruta xacobea do Camiño do Mar, comezou en Foz, e logo de 13 kilómetros chegou á capela de Vila do Medio, en Burela.
Alí, os peregrinos foron recibidos polo concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández Rey, e a concelleira de Cultura, Lina Gómez Pardo. A continuación, como ao final de cada etapa, os participantes degustaron dúas receitas de peixe de Burela, elaboradas polo chef Suso Villarino da asociación Cociñeiros Lugo.
Fernández Rey destacou a importancia desta actividade «para lograr o recoñecemento administrativo do Camiño do Mar por parte da Xunta de Galicia, como xa o recoñece a Igrexa». «Nós sempre imos apoiar e axudar nestas iniciativas», engadiu.
«Desde o Concello queremos agradecerlle a Manuel Vicente, presidente da asociación do Camiño do Mar, e a Sergio López, presidente da OPP de Burela, que fagan este tipo de actos, que axudan á promoción tanto do Camiño do Mar, un obxectivo común de todos os concellos da Mariña, como do peixe de Burela por parte da OPP», sinala o concelleiro.
O Camiño do Mar é unha ruta xacobea que comunica por tierra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela. Nas seguintes fins de semana, os peregrinos do Camiño Gastronómico do Mar 2023 continuarán a percorrer os 15 concellos da Mariña e Ferrolterra que fan parte desta ruta, cun total de 7 etapas de aproximadamente 15 kilómetros cada unha.