Ponte de Outono: Son Urbán, mercadiño, Día da Bicicleta e curtas na programación cultural de Barreiros

Ponte de Outuno en Barreiros con Son Urbán, mercadiño, día da bicicleta e curtas
photo_camera Fotografía: Facebook Concello de Barreiros
O Concello de Barreiros presenta a programación “Ponte de Outono”, un evento que incluirá o mercadiño estacional, o II Son Urbán coa presenza de Grande Amore entre outros artistas, o día da bicicleta para as crianzas e a proxección da curtometraxe Hippocampus de Xaime Miranda.

As actividades realizaranse na praza do Concello no que «serán uns días de programación variada e de calidade destinada para un público amplo e que seguro atraerán a xente de toda a Mariña nesta ponte», segundo expuxo o concelleiro de Participación e Dinamización Daniel García.

O evento contará coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que respalda a aposta do Concello de Barreiros por unha programación cultural diversa e desestacionada.

Grande Amore no II Son Urbán

A segunda edición do Son Urbán, unha xornada para dar a coñecer a cultura urbana aberta á mocidade e á poboación en xeral, traerá a Barreiros o venres 13 de outubro a un artista consagrado no panorama musical actual como é Grande Amore. Acompañarano os artistas Tempo Norte, Dj Rapariga, Tor4 (Brasil), Fishman e Dj LaRock, amenizando este último os obradoiros de Football Street e Breaking, modalidade que será por primeira vez olímpica nos vindeiros Xogos.

O Mercadiño de Outono encherá a praza

O xoves 12 de outubro terá lugar o Mercadiño de Outono, que seguirá a liña dos celebrados no Nadal e na primavera e que contará con postos de alimentación, artesanía ou libros solidarios. Como novidade, participarán tres obradoiros artesáns que realizarán demostracións en vivo de cestería, a cargo de María del Carmen Otero; de cantería, con Xosé Luis López; e de instrumentos musicais, impartido por Xoán Manuel Tubio (Xaneco).

Día da Bicicleta e estrea da curta Hippocampus

O sábado 14 celebrarase o Día da Bicicleta, cunha pequena ruta con saída e chegada na praza do Concello, onde, ao remate, as crianzas poderán disfrutar con xogos e unha merenda final. No evento colaborará a asociación deportiva Augas Santas.

Para finalizar a Ponte de Outono estrearase a curta Hippocampus producida por Nuno Pico, dirixida por Xaime Miranda e rodada no concello de Barreiros. Realizarase un coloquio aoremate coa presenza de diferentes membros da produción.

Comentarios