Presentan o programa das Festas Patronais do San Bartolo de Xove
As celebracións comezarán xa o mércores, 16 de agosto, coa proxección ao aire libre na praza do Concello do filme "O que arde"; dentro do programa FalaRedes impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O xoves, ás 12 h, actuará o Mago Paco co espectáculo "Hocus Pocus", no marco da iniciativa Ler conta moito. Ás 20:30 h, no salón de actos do Centro Cívico, terá lugar a lectura do pregón a cargo do que fora mestre e director do Colexio de Xove, José González Barcia, "Chema". Xa ás 22 h, a música correrá a cargo de La Penúltima, un tributo a Joaquín Sabina.
O venres, 18 de agosto, na OMIX, os nenos e nenas a partir de 2º de Primaria poderán participar no Escape Room "La maldición pirata". Ás 20 h será a quenda da sardiñada popular, que estará animada pola Charanga de Neda. Á noite, a verbena estará amenizada pola orquestra Saudade e o Grupo Salvajex.
Na mañá do sábado haberá un pasarrúas coa Banda Naval de Viveiro e Os Cabezudos da A.C. Saiñas. Ás 13 h terá lugar a celebración da misa solemne cantada por Escolma de Meus, procesión coa Banda Naval de Viveiro e sesión vermú con La Favorita. Ás 20 h haberá unha actuación da Asociación Cultural Saiñas no pavillón de deportes e xa á noite é tempo para a verbena, a cargo das orquestras La Favorita e El Combo Dominicano.
O domingo tamén haberá pasarrúas, procesión e sesión vermú, nesta ocasión con Ritmo Joven. E, á noite, a verbena estará amenizada por Ritmo Joven e Gran Parada. Por último, o luns será o día da infancia, con inchables na praza do Concello a partir das 17 h.