400 quilos do mellor percebe este sábado en Xove

O evento está organizado pola Asociación de Festexos A Medorra e o Concello de Xove e terá lugar este sábado, a partir das 12 h, na praza do Concello.

O presidente da Asociación de Festexos A Medorra, Jordi Meitín, di que a festa xurdiu hai dez anos «para financiar as festas de Portocelo». «Nin aquí en Xove, nin na contorna, había nada semellante. Foron os propios percebeiros da zona os que nos deron a idea de facer algo relacionado cun produto tan exitoso», indica Meitín. A festa, xa consolidada, «foi evolucionando aos poucos ata chegar á décima edición, pero sempre na mesma liña». 

A organización prevé repartir uns 400 quilos deste marisco, «aínda que sempre poderiamos adquirir algún máis dos que nos teñen reservados», que degustarán arredor de 1.500 persoas, a cifra de visitantes que agardan recibir durante todo o día na carpa. Canto ao prezo, «irá un pouco en función do que nos pasan por lonxa».  Aproximadamente, por 20 euros os asistentes poderán saborear cuarto quilo de percebe e levar un prato conmemorativo da festa. Ademais do marisco, tamén haberá racións de xamón cocido. 

O pregón correrá a cargo de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores. Desde as 12 h, os asistentes poderán degustar o saboroso crustáceo nunha xornada que estará amenizada pola charanga Os Charangos e na que tamén haberá unha discoteca móbil. Nos últimos días, tamén confirmaron a presenza do cantante Joni Ramos, xoven viveirense que hai uns anos participou no programa Got Talent