Na presentación, a alcaldesa, María Loureiro, asegurou que «teremos de novo unha programación variada e para todas as idades e gustos, as festas patronais serán de novo un moi bo momento para desfrutar de Viveiro na compañía dos nosos familiares e amigos». Este ano o cartel das festas patronais é obra dun artista plástico e gráfico local, Uxmal Díaz, gañador xa de numerosos premios pola súa obra: «Queremos darlles voz aos artistas locais e que teñan a oportunidade de expresar o que significan para eles as festas patronais, tan importantes para os nosos veciños e veciñas», explicou a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega.
Loureiro e Fernández-Noriega adiantaron algunhas das principais actuacións das festas, que comezarán, como de costume, na primeira semana de agosto coa Mostra Folclórica Internacional. Así pois, na praza Maior, actuarán o día 14 Xosé Lois Romero & Aliboria, nun concerto que o concello pretende facer inclusivo; o día 15, Amparanoia, e o día 16, Lamatumbá, para pechar a xornada tamén cos tradicionais fogos artificiais. Nos próximos días presentarase a programación completa, na que tamén terán unha presenza destacada os grupos e artistas locais.