Viveiro pecha xullo con magníficas cifras turísiticas
«A aposta de promoción turística dos últimos anos dá os seus froitos, cunhas cifras de visitantes moi elevadas», explica a alcaldesa, María Loureiro, que destaca tamén que «xullo comezou co Resurrection Fest e despois celebramos o Mercado Renacentista, o que impulsou a ocupación»
.
Segundo os datos do sector, a ocupación hoteleira mantívose todo o mes entre o 80 e o 100%. A estes datos hai que unir os 532 apartamentos turísticos privados con actividade en Viveiro. A Oficina de Turismo recibiu en xullo a 4.415 persoas, 4.014 de España e 401 estranxeiras. Hai que ter en conta que coa posta en marcha por parte do Concello de ferramentas dixitais de información a través da APP e o QR, hai moitos visitantes que xa non necesitan pasar pola oficina.
Ademais, «as visitas guiadas están sendo un gran éxito, cun mínimo de 30 persoas en cada unha delas e moita demanda», engade Marisol Rey, concelleira de Turismo.
Esta masiva chegada de visitantes está tendo un grande impacto sobre o comercio e a hostalería, e as previsións que manexa o Concello para o mes de agosto son tamén moi boas.