A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Benestar Social, Lara Fernández Fernández-Noriega, recibiron no concello ás dúas nenas e a ao neno saharauí, aos que agasallaron con material escolar e didáctico.
«Dende o goberno local levamos moito tempo comprometidos con este proxecto. Cremos que a solidariedade e a cooperación son parte das nosas responsabilidades, ao tempo que vemos nesta iniciativa unha oportunidade tamén para achegarnos e aprender de culturas diferentes», subliñou a alcaldesa, Maria Loureiro García.
En concreto, Viveiro forma parte desde 1996 desta iniciativa solidaria que permite ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras da vila.
«Trátase dunha experiencia de convivencia única e tremendamente enriquecedora, tanto para os nenos acollidos, como para as familias que os acollen», engadiu Lara Fernández Fernández-Noriega.