O pasado sábado comunicábase o pacto entre o PSOE e o BNG para formar un goberno de coalición en Viveiro que deixaría a María Loureiro (PSOE) como alcaldesa e a Míriam Bermúdez (BNG) na tenencia de alcaldía.
Os cinco concelleiros socialistas e os tres nacionalistas non serán suficientes para sacar adiante as iniciativas durante o presente mandato e precisarán do apoio de Por Viveiro en cada votación, pois a maioría sitúase nos 9 edís. O portavoz do grupo independente, Bernardo Fraga, xa adiantou que unicamente se chegara un acordo para a investidura, mais nunca para a gobernabilidade dos próximos catro anos.
O reparto das áreas de goberno, segundo indicou o BNG, será o seguinte: o PSOE levará as áreas de Alcaldía, Facenda, Urbanismo, Turismo, Cultura, Deportes, Xuventude, Servizos Sociais e Inmigración, Seguridade Cidadá, Educación, Mar, e Conservatorio. Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego responsabilizarase da Tenencia de Alcaldía e das carteiras de Obras e Infraestruturas, Parques e Xardíns, Mobilidade e Accesibilidade, Emprego e Promoción Económica, Medio Ambiente, Medio Rural, Mercados e Comercio.
Proxectos, ilusión e traballo no novo goberno bipartito
Este luns, María Loureiroe Míriam Bermúdezvaloraron positivamente o acordo asinado que «supón o inicio dunha nova etapa cun novo goberno que traballará para atender coa man tendida e coa máxima transparencia á veciñanza». O goberno bipartito valorou a necesidade de traballo e proxectos que precisa Viveiro, «estudando un acordo que permita mellorar a capacidade de traballo que require un Concello como Viveiro, con multitude de servizos públicos e unha elevada dispersión poboacional».
Aínda que a lei predispoña e permita 7 dedicacións para Viveiro, o bipartito acordou nesta nova etapa de goberno un total de 4 dedicacións exclusivas, «mais en realidade é como se estivésemos a falar de tan só 3, pois tanto PSOE como BNG estiveron de acordo en axustar os seus soldos para poder liberar unha persoa máis sen que esta supoña un incremento nos gastos municipais».
Do total das catro asignacións, dúas serán para áreas que xestionará o PSOE: Alcaldía, Urbanismo e Seguridade Cidadá terán unha asignación de 43.500 euros; e as de Economía e Facenda, Mar, Participación Cidadá, Educación e Centros Socioculturais, 31.200 euros. As outras dúas serán para as áreas do BNG, que manterán os mesmos soldos que tiñan nos seus postos de traballo: Tenencia de Alcaldía, Obras, Infraestruturas e Medio Rural, Parques e Xardíns, Cemiterio, Mobilidade, Accesibilidade e Medio Ambiente, que terán unha asignación de 41.000 euros; a área de Emprego, Promoción Económica, Comercio e Mercados, 21.000 euros.
A Xunta de Goberno complétase con Juan Ramón Martínez Castro, que asume a área de Medio rural, Saneamento e Abastecemento de Auga, Sector Forestal e Mantemento de Espazos e Zonas Verdes, e con Lara Fernández Fernández-Noriega, que atenderá as áreas de de Benestar Social, Inclusión e Cohesión Social, Servizos Culturais e Dinamización Cultural, Sanidade, Infancia, Muller e Igualdade. Así mesmo, establécense dúas comisións delegadas para María Soledad Rey Yáñez, continuando na xestión da área de Turismo; e Eleazar José Rodríguez Abuín, na área de Deportes.