En Viveiro, conciliar é máis doado

O Campamento Urbano de Verán do Concello de Viveiro comezou a súa segunda quenda o pasado luns para facilitar a conciliación.

A alcaldesa, María Loureiro, explicou que «con este campamento buscamos favorecer a conciliación familiar cunha alternativa de ocio saudable e á vez que pedagóxica, na que se fomentan o xogo, o deporte e a expresión artística, ademais de valores como a convivencia ou o respecto entre iguais». Este campamento de verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019, ambos incluídos. As crianzas poden asistir de luns a venres en horario de 08:30 a 14:15 h, con entrada flexible ata as 10 h. Haberá quendas ata finais de agosto.

Esta semana, os nenos e nenas tiveron actividades con caiacs e nos próximos días poderán gozar cos inchables, co Entroido de Verán, co Día do Pirata e con outras iniciativas deportivas e de lecer. Ademais do campamento, no verán está aberta a escola infantil municipal e o Concello colabora con outros clubes e entidades noutras actividades, como os cursos de ximnasia rítmica e outros deportes, cedendo as instalacións municipais.