A portavoz do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Mariña Gueimunde, non dá crédito a que o PSOE e o BNG que só suman oito concelleiros, tomen coma primeira medida duplicar as dedicacións exclusivas elevando o custe salarial do goberno municipal ata os 136.000 euros: «é lamentable que nun tema tan sensible, e estando en minoría, sexan tan prepotentes que nin sequera tenten falar antes coa primeira forza en concelleiros». Así mesmo, engade: «din nos medios que queren consensuar temas coa oposición, e ante a primeira oportunidade que teñen, nun tema delicado que causa moita controversia, toman unha decisión unilateral sen ter os apoios suficientes».
A portavoz popular non se opón a que a Alcaldesa e a tenencia de Alcaldía manteñan as dúas dedicacións exclusivas «cun salario á altura do que significa ser Alcaldesa do terceiro municipio da provincia», pero matiza que «o que é moi difícil de apoiar son as outras dúas dedicacións, que só teñen por obxecto dar resposta a compromisos adquiridos para chegar ao goberno». Os populares sinalan que «pretenden que a metade do goberno viva do erario público, sen unha xustificación clara e diáfana de onde está a necesidade de xestión, e que só serven para incrementar aínda máis a débeda dun dos concellos máis endebedados de Galicia».
Mariña Gueimunde explica os reparos técnicos da Interventora Municipal a este incremento: «é un informe demoledor, onde advirte que non hai consignación orzamentaria para tanta dedicación exclusiva, e urxe a aprobación dos orzamentos do ano 2023, ou unha modificación dos orzamentos xa existentes que habilite crédito suficiente».
Nese sentido, a portavoz explica que «unha cidade como Viveiro teña dereito ata a 7 dedicacións exclusivas non significa nada se non veñen acompañadas dunha partida orzamentaria que non ten». De feito, aclara que «o informe da Interventora di que só está garantida a dedicación da Alcaldesa desde o 1 de agosto ata o 31 de decembro».
Gueimunde conclúe que «unha vez máis serán os independentes os que determinarán se Viveiro consinte un gasto desa natureza tendo as necesidades sociais que temos no concello».