María Loureiro pídelle ao PP que «non faga populismo» coa praza de abastos

María Loureiro, praza de abastos, PP
photo_camera Fotografía: Fernando Losada Rodríguez baixo licenza CC BY-SA 4.0
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sinala que lle parece ben «que a portavoz do PP, Mariña Gueimunde, entregue aos praceiros a súa moción para pedir melloras na praza de Abastos», pero demándalle «que non faga populismo».  

Loureiro fai referencia á moción que os populares presentarán no vindeiro pleno ordinario do día 4 de outubro en Viveiro, da que xa entregaron copias en papel nos postos da praza de abastos.  


«Que o PP lles explique tamén aos praceiros, por exemplo, que a Xunta de Galicia denegou ao Concello no 2021, no 2022 e no 2023, as axudas que solicitara para facer melloras na praza de Abastos, por importes de 33.000€, 33.000€ e 58.800€ respectivamente», sinala a alcaldesa.  


Nos tres casos, afirma Loureiro, as solicitudes do Concello foron denegadas por esgotamento de crédito, e anima aos populares a que lle expliquen tamén aos praceiros «cando comezaba o prazo para pedir ditas axudas e cando se esgotou dito crédito».  


A alcaldesa de Viveiro sinala como exemplo que «no ano 2021, a convocatoria publicouse no DOG no venres 10 de setembro, dicindo que o prazo para comezar as solicitudes comezaba ao día seguinte ás 00:00, e o crédito esgotouse ás 00:21 dese mesmo día». «Resulta curioso que se esgotara en 20 minutos, publicándose un venres», engade a rexedora. 


Por outra parte, a concelleira de Comercio, Iria Cotelo, reuniuse en varias ocasións cos comerciantes da praza de Abastos para coñecer de primeira man as necesidades que teñen e traballar en melloras para as instalacións.


Estas reunións estaban enfocadas tamén a mellorar as bases dos pregos á hora de licitar os postos da praza, un obxectivo para o que se está traballando co persoal técnico responsable.

Comentarios