O goberno municipal de Viveiro critica que o PP pida melloras para a praza de abastos cando a Xunta denega as subvencións

Criticas ao PP por parte do goberno munipal xa que a Xunta denegou todas as subvencios para a praza de abastos de Viveiro
photo_camera Fotografía: Freepik
O pleno do Concello de Viveiro aprobou onte unha moción presentada no pleno polo PP para solicitar melloras na praza de abastos da vila. Porén, o equipo de goberno considera «necesario aclarar certas cousas con respecto ao contido da moción».

A alcaldesa, María Loureiro, aclara que o sentido do seu voto foi favorable porque desde o Concello consideran «que todo o que supoña un beneficio ou mellora para a praza de abastos é positivo».

A concelleira de Comercio, Iria Cotelo, manifestou pola súa parte que «o que sorprende é que durante anos non houbo tanta expectación nin tanto malestar público pola praza, e agora en dous meses, a pesar de que visitei a praza, que manteño contacto telefónico coas praceiras, que foron atendidas cando así o solicitaron, que se está a traballar para modificar as bases para os novos postos… atópome cun boom mediático deste tema; estase a traballar, e o que se precisa é tempo, porque o que hai que facer na praza non se consegue en dous meses».

En todo caso, o equipo de goberno lembra que a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, rexeitou outorgar a Viveiro diversas subvencións solicitadas previamente polo Goberno local para mellorar a praza. Loureiro e Cotelo apuntan que o Concello pediu en 2021, 2022 e 2023 tres subvencións por importes duns 33.800, 33.800 e 58.800 euros, respectivamente, sendo todas elas rexeitadas. As peticións destas axudas foron inadmitidas alegando esgotamento de crédito.

Ao respecto disto, a alcaldesa sinala que, «por exemplo, en 2021 a resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia o venres 10 de setembro e o prazo para presentar as solicitudes empezaba ás 00:00 horas do sábado 11 de setembro, esgotándose o crédito ese mesmo día ás 00:21 horas».

«De xeito semellante aconteceu nas dúas convocatorias posteriores, nas que o prazo para a presentación se abriu ao día seguinte da convocatoria e o crédito se esgotou en ambos casos en menos de 1 hora», afirma Loureiro. Esta rapidez en esgotarse o crédito imposibilitou que Viveiro puidese acceder ás axudas.

A alcaldesa destaca tamén que «o Concello xa realiza un seguimento das axudas que se convocan por parte das distintas administracións, valorando, en cada caso, a súa solicitude», en referencia ás acusacións realizadas na moción do PP.

O goberno municipal concluíu destacando que «o Concello convocou en 2021 un procedemento aberto para a concesión de catro postos, quedando desertos dous deles». «En novembro dese mesmo ano, volveuse convocar un novo concurso e os locais referidos quedaron novamente desertos», en referencia á queixa dos populares sobre a porcentaxe de postos ocupados do espazo.


Con intención de resolver esta problemática de postos vacantes, Iria Cotelo afirma que «as bases de licitación serán modificadas ampliando a diversidade dos produtos. Que poida haber unha floristería, por exemplo, agardando así que aumente o número de persoas interesadas na subasta».

Comentarios