Francisco Conde avoga por reducir o IVE dos produtos do mar

O candidato do Partido Popular ao Congreso por Lugo participou xunto ao cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, nunha visita ás instalacións da lonxa do porto de Celeiro.

Conde avogou en Celeiro «un sector pesqueiro con futuro». Os populares lucenses defenden «un sector máis competitivo, con máis emprego e máis estable» polo que no seu programa recóllense medidas para o seu impulso. Ademais, «para que se poida traballar con normalidade o PP propón  impulsar a remuda xeracional e frear o veto á pesca de fondo imposto dende Bruxelas e que prexudica de forma especial á frota da Mariña, tanto de Celeiro como de Burela», afirman. Francisco Conde incidiu na proposta que viña defendendo Alberto Núñez Feijóo de como produto de primeira necesidade para incentivar o seu consumo. A negativa do Goberno central a reducir o IVE do peixe supón, afirman os populares, «un agravio comparativo que desincentiva o consumo e prexudica ao conxunto da cadea de comercialización».

Ademais da remuda xeracional, o Partido Popular aposta por «escoitar ao sector e apoialo na implantación do novo regulamento de control de pesca e defender os seus intereses tamén ante as institucións europeas e outros organismos internacionais, facendo un seguimento do cumprimento dos acordos pesqueiros con terceiros países, en beneficio do conxunto da frota española». Defenden tamén «a promoción dos produtos pesqueiros como parte dunha dieta saudable mediante a redución do IVE tanto aos produtos do mar como ás conservas». Outras das medidas nas que inciden os populares son a loita contra a pesca ilegal, garantir que este sector estratéxico contribúa á seguridade alimentaria e optimizar a xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura». 

Na súa visita Conde alabou as políticas da Xunta de «escoita e apoio ao sector pesqueiro e á cadea mar-industria». O candidato ao Congreso dixo que «esta forma de traballar é replicable a nivel nacional para mellorar a situación do sector» e puxo exemplos concretos como «o investimento por parte do Goberno galego de 1,5 M€  para a promoción da pesca sostible e a incorporación de xente nova ao sector con aportacións para melloras a bordo dos buques pesqueiros; ou a posta en marcha da campaña ‘GALICIA SABE AMAR’ para promover o consumo dos peixes e mariscos galegos.