María Loureiro denuncia as esixencias de Portos para a celebración da Festa da Merluza
O evento, que pon en valor un dos produtos mais apreciados da gastronomía galega, está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Penalba coa colaboración do Concello de Viveiro e da Cofradía de Pescadores de Celeiro, que dona a merluza precisa para as diferentes elaboracións, xunto ao grupo empresarial Puerto de Celeiro, ademais do apoio da Deputación de Lugo.
A esixencia por parte de Portos de Galicia de cobrar unhas taxas desmesuradas aos membros da Asociación Cultural e Deportiva Penalba para poder albergar a festa neste recinto, volveu ameazar a que sería a súa XXIV edición. A alcaldesa, María Loureiro lamentou profundamente a postura de Portos: «a Festa da Merluza é unha das celebracións gastronómicas máis senlleiras de Galicia, un produto estrela non só para a gastronomía galega, senón clave tamén na economía do país e non comprendemos que se subestime deste xeito». «Estamos na obriga, unha vez máis, de facer todo o posible para que se leve a cabo xa que é unha das citas máis importantes do ano en Viveiro, unha xornada que axuda á dinamización da nosa economía local e do sector servizos, así que volveremos a asumir o coste da carpa para que se poida manter a súa celebración tamén este ano», engadiu a rexedora.
Haberá merluza en oito especialidades diferentes e mesmo algunha das receitas estará dirixida ao público infantil. Desde o Concello agradecen tamén a participación da veciñanza de Celeiro, pois participan activamente no cociñado dos diferentes pratos para a exaltación deste producto.