Dúas novas iniciativas organizadas polo CCH de Viveiro
A iniciativa teatral parte da Área de Cultura da Deputación de Lugo en colaboración co Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da provincia de Lugo 2023. Trátase de achegar ao publico actividades culturais de calidade para, dun xeito gratuíto, encher o tempo de lecer estival, aproveitar estes dias antes de comezar a volta ao cole e que a rapazada poida desfrutar do Teatro na Rua.
Nesta ocasión, a compañía A Adala Futura representará Os ladróns son xente honrada, unha obra de creación propia. É unha comedia apta para todos os públicos. O elenco está composto por 9 actores e actrices e a obra durará aproximadamente unha hora. Trata duns ladróns moi larpeiros que entran a roubar lambetadas na casa dunha diva. A policía, que lles segue a pista, acaba por atopalos nesta casa, pero non é o único que atopan... O inspector e a diva namóranse, aparece unha frauta máxica cunha maldición que a diva decide romper... Pero se queres saber máis, a obra terás que ver. No caso de que ameace choiva, a representación trasladarase á Sala do Conservatorio de Música.
Por outra banda, a Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación-Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso do Centro Comercial Histórico de Viveiro, poñen en marcha a campaña de dinamización “Mercar no teu comercio ten premio”.
Así, todos os clientes de Viveiro que realicen compras por importe mínimo de 10 euros no comercio de proximidade entre o 7 e o 14 de setembro, poden participar no sorteo en directo destes 1.000 euros en premios. Este sorteo terá lugar o xoves, 14 de setembro, ás 19 h, na praza Maior de Viveiro. Previamente, os consumidores deberán canxear os seus tíckets de compra por boletos de participación nunha carpa que se instalará desde as 16 h nesta mesma praza.
Desde esa hora, todos os clientes poderán ademáis optar a un agasallo directo participando na Ruleta da Fortuna da Federación de Comercio. A partir das 18 h haberá tamén animación infantil.
A campaña “Mercar no teu comercio ten premio” busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo. Con esta finalidade, celebrarase nun total de 9 localidades da provincia.