Viveiro despide o Campamento de Verán e o programa de Apoio Educativo, Lecer e Tempo Libre
Conclúe unha nova edición do Campamento de Verán do Concello de Viveiro. Á súa última xornada deste ano 2023 asistiron a alcaldesa, María Loureiro García; e a primeira tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez García; para despedir a actividade e aos nenos que participaron nela nesta segunda quincena de agosto.
María Loureiro quixo destacar «a importancia para a conciliación familiar que teñen programas como este, que cada ano acollen a un gran número de nenos e nenas de Viveiro».
Pola súa banda, Míriam Bermúdez agradeceu ás familias «a confianza depositada un ano máis para a participación das cativas e cativos no campamento».
Por outra banda, o Concello de Viveiro acolleu tamén a festa de despedida do programa de Apoio Educativo, Lecer e Tempo libre para a cativada, impulsado polo departamento de Voluntariado dos Servizos Sociais do municipio.
A rexedora municipal acudiu á celebración, na que destacou «a gran diversidade de actividades realizadas cada verán como parte deste proxecto, que pon en valor a inclusión e a igualdade entre todas as nenas e nenos».
No programa, que se celebra todos os veráns en Viveiro, participaron 15 nenas e nenos e 6 voluntarios e voluntarias entre o 12 de xullo e o 30 de agosto. Nel desenvolvéronse actividades relacionadas co medio ambiente, o consumo responsable ou a alimentación saudable. Para elas contaron coa colaboración tanto coas entidades públicas como con empresas relacionadas con estes ámbitos.