Os bombeiros de Viveiro acusan ao Consorcio Provincial de vulnerar os seus dereitos

Protesta de los bomberos en el Parque Comarcal de Bombeiros de Viveiro
O Comité de Folga Autonómico emitiu un comunicado no que convoca a unha concentración o vindeiro venres, día 6 de outubro, nas inmediacións do Parque Comarcal de Bombeiros de Viveiro.

O colectivo prentende abordar «a preocupante situación que están a vivir os traballadores dos Parques Comarcais de Bombeiros que dependen do Consorcio Provincial» e expoñer «a problemática existente no Servizo de Bombeiros que levou á parte traballadora a convocar unha folga autonómica de carácter indefinido desde o 15 de xuño». 

Desde o Comité de Folga manifestan que «despois de mais de 100 días de folga atopámonos cunha situación moi complicada onde a Administración que ten que prestar o Servizo, o Consorcio Provincial contra Incendios, está a someter ós traballadores a unha presión inaudita. Os bombeiros, a pesares de estar en folga, non a están secundando, soamente deixaron de facer horas extraordinarias de carácter voluntario para demostrar a falta de persoal existente e que o servizo se sostén pola vontade destes traballadores». 

«Ante esta situación e sen ningún animo de solucionar os problemas existentes no Servizo, o Consorcio Provincial opta por vulnerar os dereitos dos Bombeiros exixíndolle a realización duns reténs domiciliarios, no seu tempo libre, que vulneran dereitos fundamentais obrigándoos a acudir ao seu centro de traballo imposibilitando a conciliación familiar e violando o dereito a folga», engaden. 

Apertura dun expediente disciplinario

A situación complicouse o pasado 22 de setembro cando seis traballadores do Parque de Bombeiros de Viveiro foron notificados «coa inxusta apertura dun expediente disciplinario por unha suposta falta moi grave». «Esta situación agrava e distancia ás partes, non facilita o achegamento e só persegue unha cousa: amedrentar ós traballadores e telos baixo o seu xugo para poder dispoñer deles no seu tempo libre e así prestar un servizo que sería imposible sen estas medidas de dubidosa legalidade. So cabe resaltar que os seis Parques de Bombeiros do Consorcio de Lugo son iguais aos do resto de Galicia», sinalan.

Nas outras tres provincias, co fin de non violar os dereitos dos traballadores, os seus 18 Parques acumulan 233 días de peche, unha situación que «amosa a gran carencia de persoal que ten o Servizo e que o Consorcio de Lugo intenta paliar obrigando os traballadores, inmersos nun proceso de folga, a duplicar a xornada máxima anual que establece o Estatuto dos Traballadores».

Comentarios