Non é a primeira vez que tivo nas súas mans a chave do goberno, pois algo similar tivo lugar no 2011 cando era candidato do BNG....
Si, aínda que agora non temos que recibir unha orde de grupo de ningún partido, senón que traballamos única e exclusivamente defendendo os intereses de Viveiro sen termos que estar pendentes de acordos supramunicipais. Esa é a grande diferenza que considero que pode haber, que nos deixen as mans libres para realmente facer a política que consideramos máis oportuna para Viveiro.
Se este acordo de quince puntos se cumpre nos catro anos de mandato será unha moi boa noticia para Viveiro.
Por que decidiron rexeitar a proposta de entrar no goberno municipal pese á insistencia das outras forzas?
Nós negociamos un acordo simplemente para a investidura. O que temos claro é que queremos o mellor para Viveiro e que os partidos se comprometan co noso Concello, tanto o PSOE e o BNG no goberno como o PP na oposición. O que está claro é que Viveiro necesita que os partidos, nas diferentes administracións que gobernan fóra de aquí, se comprometan co noso Concello. Nesa liña foi o acordo de investidura, unha serie de quince puntos que se comprometían a realizar —ou iniciar todas esas accións—nun período de dous anos para ver se ese compromiso que din ter con Viveiro é real. É certo que nos ofrecen a entrada no goberno, mais o noso grupo decidiu non entrar e facer as xestións e controlar que se cumpra o acordo desde fóra do goberno. Se este acordo de quince puntos se cumpre nos catro anos de mandato será unha moi boa noticia para Viveiro.
O primeiro "non" ao bipartito foron as catro dedicacións exclusivas... Parécenlle moitas para Viveiro? Ou o voto en contra responde a outras cuestións?
Hai que analizar varias cuestións, a primeira é que a proposta que levaba o goberno non estivo consensuada con ningúen. Nós en todo momento dixemos que imos dialogar, falar de todos os puntos que faga falta, pero tamén que non que non iamos aprobar nada que non se dialogue previamente. Esa é a nosa forma de traballar e entendemos que deber ser así cando hai tres forzas implicadas. Non imos actuar pola vía da imposición. Ademais, Viveiro ten unha situación económica cunha débeda moi grande, estamos a falar de case 1 millón de euros cada ano de débeda. Creo que a parte política se debe axustar á situación que ten o Concello. Se Viveiro non estivera neste situación, probablemente as dedicacións serían necesarias, non teño que dicir o contrario. Á parte diso, a proposta inicial que facía o bipartito era case duplicar o importe —se non lembro mal pasábase de 80.000 a 140.000 euros— cando a situación económica non era boa, pois acabamos de ver que non houbo diñeiro no 2023 para pagar ás entidades deportivas. Fíxose unha proposta de subida cando realmente non se podía afrontar. O seguinte punto sería a proposta de subidas tanto para a Alcaldía como para a terceira dedicación cun resultado electoral que non implicaba que se estivera a facer un bo traballo. Aínda así, nós dixemos que se se moderaban un pouco os custos, estariamos dispostos a aceptar estas retribucións. Decidiron non moderar os salarios da proposta inicial, foi decisión súa.
Manifestou que nos orzamentos para o 2024 dos quince puntos do acordo de investidura só se cumpre un... Non ve ningún avance? Tamén dixo que de non cumprirse, en dous anos "tomarían medidas"...
Non vexo ningún avance e por iso votamos en contra dos orzamentos. Na reunión previa que houbo para falar do asunto, ademais de non ter o documento dos orzamento para facer unha análise dos mesmos, non viamos avances no cumprimento do acordo de investidura; polo tanto o que non imos apoiar son uns orzamentos que non van na liña dos acordos establecidos. Nós demos un prazo de dous anos para que todas as accións dos quince puntos do acordo se iniciaran, pero hai puntos dese acordo para executar xa neste ano 2024, que son precisamente os que non se cumpren nos orzamentos. Un acordo asinado por dúas partes ten que ser cumprido por esas dúas partes e tal e como está establecido. Polo de agora, o goberno bipartito non está a cumprir coa parte que corresponde ao 2024.
Que as axudas aos clubs deportivos non se aprobaran o 28 de decembro non quere dicir que non se poidan volver levar a pleno e aprobalas.
Cales son eses puntos máis urxentes?
O punto máis urxente para min é o número 1 co que o PSOE se comprometía, a través da Deputación de Lugo, a facerse cargo de pagar unha parte do Conservatorio Municipal de Música, que a Viveiro lle supón 1,2 millóns de euros cada ano. É o primeiro que se está incumprindo. A partir de aí, os demais, pois moitos dos seguintes acordos están vinculados a ese e outros son cuestión de traballo diario, cousas máis sinxelas que se poden executar. Outra parte, as que son obras un pouco máis grandes, xa dependen de facer proxectos que entendemos que é inviable facelo dun día para outro.
Ademais, está a cuestión da partida destinada aos clubs deportivos... De non aprobarse os orzamentos, quedarían estes sen axudas?
Iso non é certo, que non se aprobaran o 28 de decembro non quere dicir que non se poidan volver levar a pleno e volver aprobar. Iso foi o que dixen no pleno, Viveiro estivo cinco anos cos orzamentos prorrogados —cando gobernaba o socialista Melchor Roel— e tamén o PSOE ten tido no 2023 unha situación similar e pagouse cun remanente de tesourería do ano 2022 porque non cadraban os orzamentos. Hai fórmulas para pagar. Nós estamos dispostos a aprobar os orzamentos sempre que se avance no cumprimento dos puntos e, ademais, canto antes. Se eles avanzan no cumprimento dos puntos establecidos, nun número mínimo para o 2024, nós imos aprobar os orzamentos, non temos ningún problema.