Avelino Díaz, un Día das Letras para Riotorto e Meira

avelinodiaz

A pasada semana deuse a coñecer o nome da autora homenaxeada nas vindeiras Letras Galegas, a escritora sadense Luísa VIllalta. Como cada ano por estas datas son moitos os colectivos, entidades e plataformas que trasladaron as súas propostas á Real Academia Galega. Estas candidaturas, ademais de ter que rexistrarse, deben ser apoiadas por ata tres académicos. Un destes colectivos é a Asociación Cultural Avelino Díaz, que reivindica a figura e a obra do autor nacido en Santa Comba da Órrea (concello de Riotorto). Ermitas Rodríguez, presidenta da Asociación, amósase crítica coa RAG: «como chegan a xuntarse tres persoas académicas para facer unha proposta é un misterio para nós. Como se resolve a cuestión no pleno xa non é tan misterioso, pois foron aireadas varias eleccións realizadas con procesos, cando menos, pouco edificantes. Por iso pensamos que a Academia igual ten algunha explicación por dar. A modo de exemplo, nós podemos dicir que nalgunha ocasión na que preguntamos polo procedemento recibimos respostas que o único que perseguían era enredarnos. Consideramos moi lamentables algunhas cousas que nos teñen pasado coa Academia, se somos sinceros». 

 

Son conscientes de que un Día das Letras para o meirego faría máis doado documentar a súa vida e sacar á luz tanto a súa obra coñecida como a inédita. Para conseguir estes obxectivos, este colectivo leva anos solicitando á RAG que sexa el o homenaxeado o 17 de maio. «A Asociación intentouno durante anos e anos, investindo moito tempo e traballo. Elaborouse documentación, promovéronse publicacións, graváronse vídeos e documentais, programáronse todo tipo de actos arredor do autor etc. E fíxoo ata que comprendeu que era inútil. Por iso agora, aínda tendo esa opción no horizonte, prefire non facerse ilusións», sinala Rodríguez.

 

Avelino Díaz (1897-1971) viviu na Órrea, no seo dunha humilde familia de labregos, ata os dez anos, momento en que fixa a súa residencia na veciña localidade de Meira. Aos doce anos, acompañado dun familiar, emprende o camiño da emigración a Bos Aires. Pasados seis anos voltou a Meira e exerceu como mestre “do ferrado”. Aos 22 anos toma de novo o vieiro de emigración asentándose na capital arxentina para xa nunca máis regresar a Galicia. Morreu aos 73 anos, cego e con Alzheimer, e foi enterrado no cemiterio da Chacarita, no Panteón do Centro Galego, preto do seu admirado Castelao.

 

Poderiamos afirmar que Avelino foi, ante todo, poeta. Pois aínda que a súa produción xornalística é moi abundante e as incursións noutros xéneros literarios foron ocasionais, segundo se recolle na páxina web da asociación estariamos a falar dun obra poética de aproximadamente 1178 poemas. Deixaría publicados tres volumes: Debezos e Pallaregas, en galego, e Flor de retama, en castelán. 

 

A asociación elaborou un decálogo de razóns para reparar o que consideran unha inxustiza onde sinalan que «o seu volume Debezos é o primeiro libro de poesía galega “importante” publicado despois da Guerra, vinte días antes que Cómaros Verdes  de Aquilino Iglesia Alvariño… Carvalho Calero descoñecía por completo a súa figura e a súa obra cando publicou a súa Historia da literatura galega contemporánea». No primeiro dos puntos tamén afirman que «con el se homenaxearía, dun ou doutro modo, a diáspora»; unha eiva que a RAG semella que reparou co ano de Florencio Delgado Gurriarán, outro poeta "americano". Neste sentido, desde asociación sinalan que «se alegran de que calquera autor, calquera autora, sexa rescatado do esquecemento a través do Día das Letras ou por calquera outro medio. Saudamos a elección de Delgado Gurriarán, naturalmente, e non cremos que teña nada que ver coa elección ou non de Avelino, se esta ocorre, no seu momento». 

Poeta de notable calidade que gozou de pouca fama en Galicia, mais non así entre a colectividade galega en Bos Aires. Cultivou desde o fondo intimismo ata o paisaxismo, pasando pola poesía de combate, a amorosa, a costumista ou mesmo o hilozoísmo. Definido por Neira Vilas como «o máis hábil versificador galego», con seguridade nun futuro terá tamén o seu Día das Letras Galegas.