A Xunta presentou este xoves en Ribadeo as axudas INNOVAPEME-DESEÑAPEME
Esta mañá tivo lugar en Ribadeo a presentación do programa de axudas da Axencia Galega de Innovación (GAIN) INNOVAPEME-DESEÑAPEME 2023 en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) dentro do marco do programa Conecta Lugo, que a Xunta de Galicia desenvolve coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
As xornadas, similares ás organizadas o ano pasado, celebráronse de novo no Hotel Gastronómico Araucaria de 11 a 13:30 h. O encontro tivo como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta. Nun acto no que tamén estivo presente Daniel Vega, alcalde de Ribadeo, tomaron a palabra Jaime López, Secretario Xeral CEL; Patricia Argerey, Directora da Axencia Galega de Innovación; Patricia Fernández, Directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación; Mª José Mariño, Directora da Área de Centros de GAIN; e Norberto Penedo Rey, Director da Área de Competitividade do IGAPE. Desde GAIN adiantaron que na súa páxina web xa está dispoñible a resolución do programa Bonos de Innovación, para a mellora da capacidade innovadora de micropemes e pemes.
Así mesmo, presentáronse tamén os casos de éxito Innovapeme e Deseñapeme de tres empresas luguesas: Pescados Rubén, Campomayor e NIGAL. Representando a Pescados Rubén interveu Carlos José Rodríguez, responsable de I+D; por parte de Campomayor falou María Eugenia Juncal Fernández, responsable de Innovación; e en representación de NIGAL tomou a palabra o seu cofundador, Adrián Rodríguez Sanjurjo.