Rúas ateigadas de xente nunha nova edición do Ribadeo Indiano
O alcalde ribadense, Dani Vega, manifestou que «o Ribadeo Indiano foi todo un éxito, a nosa vila estivo completa, milleiros de visitantes acudiron ao Ribadeo Indiano, moitos veciños e veciñas gozamos desta cita. Creo que foi todo un éxito e seguirá sendo». Para o rexedor municipal «o Ribadeo Indiano está consolidado. Iso xa o sabemos perfectamente todos. O que debemos é seguir mellorando, non caendo na autocomplacencia, senón mellorar e construír entre todos moitas máis propostas para seguir perfilando o Ribadeo Indiano que queremos no futuro». Subliñou, ademais, que «o balance é moi positivo. Podemos estar a falar dun impacto económico de máis de 3 millóns de euros. Hoteis, restaurantes e comercios víronse claramente beneficiados. Este Ribadeo Indiano trouxo un impulso económico á nosa vila moi importante». Vega engadiu que «o Ribadeo Indiano saíu ben porque hai un traballo conxunto detrás. As persoas que fan grande esta cita son aquelas que colaboran e suman. Moitas grazas a todos os servizos do Concello, aos traballadores da limpeza, aos que se dedican ao montaxe, aos que fan posible que os eventos saian ben, aos técnicos de turismo que están a coordinar perfectamente todo, a ACISA por esa colaboración sempre aportando e sumando… creo que así é como se fan as cousas». O rexedor quixo agradecer tamén á veciñanza «porque é unha fin de semana na que cerran algunhas rúas, impídese o paso a algún lugar e algunha molestia sempre se causa».
Pola súa parte, a presidenta de ACISA, Carmen Cruzado, declarou que «o balance que facemos desde ACISA é moi positivo. As imaxes están aí: rúas ateigadas de xente, hoteis completos, restaurantes dobrando das quendas das comidas e das ceas para atender toda a demanda existente, os comercios viron incrementadas as súas vendas ao longo destes días e tamén durante a fin de semana polo que nos comentan… a Ribadeo chegaron ducias de autobuses para desfrutar deste evento histórico cultural procedentes de diferentes localizacións de Asturias e de Galicia». A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo quixo felicitar tamén á agraciada no sorteo da viaxe. Trátase de Sonia Fernández Amor, veciña de Ribadeo que viaxará a Cuba o vindeiro mes de setembro grazas a unha papeleta que lle foi entregada no Mesón D’ Cata.