Ribadeo reabrirá a Casa da Ría

O Concello traballa para reabrir a Casa da Ría, segundo deu a coñecer nesta xornada o alcalde, Dani Vega. Nos últimos días foron realizados traballos de poda e desbroce en toda a área recreativa de Santa Cruz.

O rexedor explicou que «dende o Concello de Ribadeo quixemos colaborar coa Comunidade de Montes de Ove, traballar conxuntamente e solicitar ante a Xunta de Galicia unha colaboración económica, un reforzo, para poder actuar no Monte de Santa Cruz».


Vega indicou que «a través de Seaga o que fixemos nestes momentos foi unha poda xeneralizada de toda a área. Tamén desbroce, é dicir limpeza de todo o espazo natural. Desde logo o que imos seguir é actuando. Nesta segunda fase actuaremos tamén no miradoiro. Imos limpar e conservar. Tamén actuaremos no entorno da capela, da cruz e do gaiteiro e do mesmo modo no palco para que os grupos musicais poidan actuar neste palco de pedra tan fermoso».


O alcalde contou que «xa nesta segunda fase imos ter case por completo de novo o Monte de Santa Cruz a disposición daqueles visitantes ou veciños que queiran achegarse e disfrutar deste entorno natural. Estes espazos debemos conservalos. O que non pode ser é que foran noticia ata fai moi pouco tempo polo seu abandono e por deixar de actuar para conservar estes espazos naturais».


Dani Vega anunciou que «imos traballar para volver abrir a Casa da Ría, poñendo en valor todo ese patrimonio natural que é, onde queremos empezar a facer actividades de observacións astronómicas e destacar todo ese legado pedagóxico que ten esa instalación sobre a nosa Ría de Ribadeo».


E engadiu: «polo tanto, un espazo que estaba abandonado poñémolo en valor. Imos seguir conservándoo e a noticia non pode ser o abandono senón que hoxe todos os veciños e visitantes que acudan ao Monte de Santa Cruz poden ter un entorno idílico e coidado como é este espazo natural».