Ribadeo Indiano, unha viaxe ao pasado
A vila de Ribadeo xa prepara a súa afamada festa histórica que terá lugar do 7 ao 9 de xullo
As rúas ribadenses comezan a engalanarse para a celebración dunha nova edición do Ribadeo Indiano. Na vila mariñá xa se palpa o ambiente festivo e veciñanza e visitantes preparan as súas mellores galas para a ocasión. Non é para menos, pois de todas as festas que recrean e celebran o noso pasado ao longo de Galicia, o Ribadeo Indiano é unha das máis logradas e exitosas desde os seus inicios.
A conxunción do pasado e do presente: arquitectura, moda e música
A súa popularidade radica, quizais, no continuo diálogo que se dá entre a memoria da emigración a América e os seus vestixios no presente. Pois o de Ribadeo é o concello galego cunha maior concentración de casas indianas, unha arquitectura que se inspira nos barrios contemporáneos de Bos Aires ou da Habana a través de estilos moi diversos —ecléctico, modernista, historicista ou tradicional— que evidenciaban o triunfo acadado á outra beira do Atlántico. Non só as vivendas, senón que os retornados con maior sorte financiaron a construción da traída de auga potable, o mercado de abastos ou o cemiterio. Na vila tamén se pode gozar durante estes días dunha auténtica pasarela de moda indiana onde as guayaberas, os traxes de liño, os sombreiros panameños ou os vestidos tinguen de branco e beixe todos os recunchos. Tamén na música se dá esa continuidade, xa que a guaracha, a cumbia, a salsa ou o tango seguen a soar e nunca se deixaron de danzar nas casas de comida e bebida, no quiosco do parque de San Francisco, no magnífico escenario que é a rúa San Roque ou no Círculo Habanero da Devesa. Todo é tanxible, todo é palpable, unha realidade de seu que vai “alén do tempo”.
Venres 7: pregón, baixada a Porcillán e verbena
As rúas serán o escenario e os asistentes os propios actores dunha festa que contará cunha extensa oferta de actividades. O acto de presentación coas autoridades no Cine Teatro marcará o inicio do evento ás 19 h do venres. Nel intervirán Daniel Vega, alcalde de Ribadeo; Eduardo Gutiérrez, cronista oficial da vila; e Carmen Cruzado, presidenta de ACISA. A continuación, Santiago Jaureguízar, escritor e xornalista que pasou a súa infancia e parte da súa mocidade en Ribadeo, será o encargado de ler o pregón. Arredor das oito da tarde, farase a xa tradicional baixada a Porcillán co acompañamento musical do Cuarteto Tradicional Illa Pancha para recibir aos indianos que arribarán a porto. A benvida pecharase cunha actuación musical de Son Bolero. Ademais, haberá outras actuacións en distintos puntos da vila: Coro Crecente, nas escaleiras de Martínez; La Malquerida, no Patín; e Escolma de Meus, na fonte dos Catro Canos. Máis tarde, a verbena, no Campo de San Francisco, será amenizada por Los Jimaguas e Río Cumbia.
Sábado 8: Mercado de Ultramar, vehículos de época, habaneiras e moitas actividades
Na xornada do sábado, desde as 11 h, celebrarase outro ano máis na rúa San Roque o Mercado de Produtos de Ultramar. A esa mesma hora, no parque, disputarase o Torneo “El Viejo Pancho” de petanca. Ás 12:30 h, na praza de abastos, haberá unha exhibición de vehículos de época. Á mesma hora, de novo na rúa San Roque, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música. Durante todo o día haberá un extenso programa de actividades: paseos culturais, conferencias, visitas teatralizadas, obradoiros de baile, torneo de billarda, xincana… Xa pola tarde, ás 20:30 h dará comezo o Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana “Ría de Ribadeo”, que este ano celebra a súa vixésimo sétima edición. Á noite haberá verbena con Tiruleque e Septeto Santiaguero.
Domingo 9: comida campestre e música na Devesa e roteiros
O domingo o Ribadeo Indiano trasládase á parroquia da Devesa cunha actuación do quinteto de acordeóns Lagunak no Círculo Habanero, onde terá lugar tamén unha comida campestre e a actuación de Toxo Guayaba. Pola tarde, os asistentes poderán realizar un roteiro a través do legado indiano polo rural ribadense, Vilaframil, Rinlo e A Devesa.
Eliades Ochoa, prato forte musical desta edición
O domingo 9 de xullo, ás 20:30 h no escenario da rúa San Roque, a lenda do son cubano Eliades Ochoa, dará un concerto que servirá de brillante colofón á popular festa.
A estrela da música cubana pasará por Ribadeo con motivo desta oitava edición do Ribadeo Indiano. Se no 2019 foi a música do seu malogrado compañeiro de andanzas Compay Segundo a que puxo o ramo da programación indiana, este verán o prato forte será o integrante do xa mítico grupo Buena Vista Social Club e do Cuarteto Patria, Eliades Ochoa Bustamante (Loma de la Avispa, Cuba, 1946). Gañador de numerosos premios, entre os que destacan un Grammy Latino na categoría de Mellor Álbum de Música Tropical Tradicional co seu disco “Un bolero para ti”; un Premio Billboard formando parte de Buena Vista Social Club co álbum “Lost and Found”; e un Latin Award en 2018; soubo levar a música tradicional do seu país desde o local ata o universal. Boa mostra de que o nivel dos concertos do Ribadeo Indiano segue a medrar ano tras ano.
Palabras de Daniel Vega, novo alcalde
Tras as pasadas eleccións municipais, Daniel Vega converteuse no novo alcalde de Ribadeo acabando coa hexemonía de BNG. O rexedor popular, depois dos primeiros días no cargo, afirma «estarlle dedicando moitas horas, facendo un traballo moi coordinado e cunha vocación de entrega absoluta». Tras cambiar o Pazo do Hórreo polo Concello confesa «estar moi contento por traballar pola súa vila», aínda que «o día a día é moi distinto, agora temos que tomar decisións de inmediato e actuar, é moito máis pragmático». No referente ás prioridades do novo goberno, despois de coñecer a administración e o orzamento dispoñible, as primeiras actuacións foron «a posta en marcha dun plan de limpeza e de desbroce, o plan de elaboración de orzamentos e as licitacións nas que hai que actuar porque están a piques de caducar; ademais do actuación no hospital asilo e cos terreos do centro de saúde».
Canto ao Ribadeo Indiano, Vega sinala que «neste ano fomos continuístas dentro da programación porque xa había pechadas moitas actuacións». Con todo, «imos impulsalo máis, porque non nos debemos quedar coa idea de que o Ribadeo Indiano é só unha festa, senón que é un evento cultural e temos un legado que conservar, pois Ribadeo supura cultura indiana». Ademais destaca a aparición dos novos festivais musicais que acollerá a vila mariñá: «actualmente contamos co Pancha Fest, co Vendaval Fest e co Xara Fest —ademais do Festival de Cine Curto— e imos seguir traballando para consolidarnos como referentes neste eido».