Ribadeo destinará 80.000 euros á nova edición da Pancha, a súa moeda local

Fotografía: panchamoedalocal.ribadeo.org
O Concello destina 80.000 euros á nova edición da Pancha, a moeda local ribadense. O alcalde, Dani Vega, subliñou o apoio ao comercio con esta importante inxección económica. 

O rexedor explicou que «na pasada noite celebramos un pleno onde aprobamos varios puntos. Un deles era unha modificación orzamentaria que incluía a Pancha, a nosa moda local. Imos seguir facendo promoción do comercio e imos investir 80.000 euros. Creo que é unha inxección e un respaldo moi importante. Dende logo, nós imos seguir apostando polo noso comercio local». 


Dani Vega indicou: «a Pancha é esa moeda local e creo que debemos promocionala. Este goberno no que está traballar é en investir e xestionar. Dentro deses 80.000 euros, en primeiro lugar aprobámolos nós con fondos propios e agora o que faremos é xestionar unha subvención tamén dende a Xunta de Galicia para que nos apoie e así non ter que poñer todo con fondos propios. Inversión, xestión... é o que estamos a facer». 


O alcalde contou que «tamén neste pleno aprobamos unha cantidade importante e orzamentaria para pagar facturas. É verdade que todas son do anterior goberno, pero nós agora somos o goberno e a responsabilidade orzamentaria tamén nos di que debemos pagar esas facturas porque é a nosa obriga». 


Vega cre que «estamos traballando nunha boa liña, creo que estamos escoitando como onte fixemos no pleno á oposición, recollendo as súas propostas, e entre todos xestionar e traballar en beneficio de Ribadeo». 


No pleno tamén se aprobaron os festivos de 2024 que, en Ribadeo, serán o martes de Entroido e o día de San Roque.