O rexedor contou que «celebramos a comisión para abordar os asuntos que van ir ao vindeiro pleno. O primeiro é o relativo á ordenanza municipal que regula as axudas para a conciliación da vida laboral e familiar; e o segundo é referido á modificación de crédito. É dicir, utilizar recursos propios, concretamente do remanente de tesourería para obras no concello».
Vega indicou que «estamos a falar de actuacións no parque de San Francisco, no pavillón de deportes de Cubelas, no propio Concello, na residencia municipal e no centro de día. Suman en total preto de 160.000 euros, que eran fondos propios do Concello, pero nos sempre defendemos que a xestión debe ser un eixo fundamental da vida municipal. É dicir, utilizar recursos doutras administracións, abrir ás portas á inversión e non tirar dos fondos do propio Concello».
O alcalde destacou que «iso foi o que fixemos: xestionar e así aforrar orzamento e fondos propios e investimos con xestión ante outras administracións. Neste caso foi a Xunta de Galicia, a que vai colaborar economicamente na contorna no parque de San Francisco, cunha cantidade superior á que iamos investir nós, son máis de 40.000 euros no pavillón de Cubelas 20.000 euros, na residencia municipal 20.000 euros, tamén obras no Concello por importe de 30.000 euros e no centro de día financiando preto de 50.000 euros”.
O rexedor insistiu en que «investimos máis e aforramos fondos propios. Creo que esta é a liña a seguir: xestión, traballo e dedicación por Ribadeo».
A concelleira de Facenda, Begoña Sanjurjo, explicou que «ao próximo pleno levaremos a actualización da ordenanza municipal que regula as axudas para a conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ribadeo, que xa foi apoiada unanimemente na comisión informativa. É unha ordenanza de febreiro de 2021, pero desde daquela houbo cambios significativos tanto económica como socialmente».
A edil ribadense explicou que «por un lado, aumentamos o límite de idade ata os 12 anos, fin da educación primaria e momento no que os pícaros comezan a precisar menos supervisión. Por outro lado, ampliamos o límite de ingresos da unidade familiar para que se poidan acoller máis familias. A renda da unidade non poderá superar os 2.200 euros no caso dun fill@ e os 2.600 no caso de 2 fill@s ou máis. A modificación destes límites de ingresos é esencial para asegurar que aqueles que o necesitan poidan beneficiarse dos servizos e programas recollidos na ordenanza».
Sanjurjo anima «ás familias a achegarse ao auditorio a informarse e a presentar as solicitudes. E agradecemos o bo traballo que fan as técnicas municipais para poñer todos os servizos do Concello a disposición das familias ribadenses».
O pleno municipal no que abordarán estes asuntos terá lugar o vindeiro 10 de outubro ás 20 h.